Luis López fai campaña en Vilanova para o congreso do PP

La Voz VILANOVA

VILANOVA DE AROUSA

O candidato a presidir o partido en Pontevedra mantivo un encontro con alcaldes e afiliados

28 jun 2022 . Actualizado a las 13:33 h.

O candidato a presidir o PP de Pontevedra, Luis López, mantivo un encontro o domingo pola noite en Vilanova con alcaldes, voceiros e afiliados da comarca dentro da campaña electoral interna que está realizando de cara ao congreso provincial que se celebra o sábado 9 de xullo en Vigo.

López dixo presentarse con «ilusión e preparado» para afrontar os retos que o partido ten por diante. Aposta polo «traballo e a unidade dun partido forte, que garante estabilidade onde goberna e no que confiar para xestionar os momentos complicados e nas peores situacións. Un partido serio, estable, moderado e responsable».

O candidato marcou tres obxectivos para a súa etapa ao fronte dos populares na provincia: reforzar o partido nos 61 concellos coa mirada postas nas municipais do ano próximo, nos que pretenden mellorar resultados e recuperar alcaldías para o PP; contribuír desde a provincia ao cambio en España con Alberto Núñez Feijóo; e revalidar a quinta maioría absoluta en Galicia con Alfonso Rueda.