A comunidade educativa de Baión mobilízase o luns para pedir un pavillón

La Voz VILANOVA / LA VOZ

VILANOVA DE AROUSA

MARTINA MISER

Os nenos teñen que utilizar os días de chuvia o baixo do colexio

26 may 2022 . Actualizado a las 14:47 h.

A comunidade educativa do colexio de Sestelo-Baión (Vilanova) chama á mobilización para reclamar un pavillón. Será cunha protesta o luns 30 de maio ás dúas da tarde na entrada do centro. «A carencia dun pavillón de deportes próximo ao colexio xunto coas notables deficiencias do espazo que ten que utilizar o alumnado nos días de chuvia —o baixo do edificio—, son as razóns que levaron a tomar esta iniciativa», segundo explican desde o colexio.

«O que a comunidade esixe é un pavillón próximo e en condicións, semellante ao que teñen todos os outros centros de infantil e primaria repartidos polo municipio vilanovés».

O CEIP de Sestelo-Baión, que foi inaugurado en 1990 e no que cursan estudos máis dun cento de rapaces, nunca contou cunha zona cuberta en condicións para a práctica deportiva. No ano 1997, a raíz dun convenio entre o Concello e a secretaría xeral para o Deporte, prometeuse que Deiro, Tremoedo e Baión terían pavillóns nas proximidades dos seus colexios, «pero no caso de Baión este foi construído a máis dun quilómetro de distancia, facendo imposible a súa utilización continuada por parte da escola».