A industria tira dunha baixada extraordinaria do paro na zona en xaneiro, próxima ao 3 %

O mes pechou con 231 desocupados menos, 155 en Vilagarcía, e caídas do 7 % en Valga e Catoira


vilagarcía / la voz

Metidos de cheo na negrura da terceira vagada da pandemia, chegou á zona unha boa nova de onde menos se agardaba. Tras despedir o 2020 con 993 demandantes máis de emprego que ao peche do 2019, cun último mes de decembro engordando as listas de desocupados en 319 persoas máis, os once concellos do sur da ría de Arousa veñen de rematar xaneiro cunha sensible e feliz mellora no rexistro de parados das oficinas públicas de emprego, das que se borraron 231 traballadores. Unha cifra que supón unha redución do 2,87 % dos 8.966 veciños da contorna que arrincaban o 2021 na procura dun oco no mercado laboral, número que descendeu a 8.735 tras os 31 primeiros días dun ano que nacía apuntando a unha forte recuperación económica, para non tardar máis dunha semana en ameazar cunha incerta recesión. 

A cruz e a cara da moeda

Certo é que a melloría do mercado laboral resultou desigual na banda sur da ría de Arousa. Só a metade máis un dos seus once concellos poden celebrala, con Pontecesures estancado nos 232 desempregados e catro municipios en negativo: Cambados (14 parados máis e un total de 1.124), Meaño (+12 e 412), A Illa (+8 e 290) e Meis (+7 e 331). Números que contrastan cos chispazos da reactivación laboral observados en Valga, con 31 desempregados menos nunha baixada mensual do 7,62 % do seu paro rexistrado ata os 376 desocupados a 31 de xaneiro, en Catoira, con -20, -7,04 % e 264, respectivamente, en Ribadumia, -21, -5,88 % e 336, no Grove, -31, -2,84 % e 1.061 e en Vilanova, -14, -1,74 % e 791. Mención á parte merece Vilagarcía, que absorveu dous de cada tres parados da zona saídos das listas das oficinas públicas de emprego en xaneiro, 155, un 4,22 % de baixada mensual, quedando con 3.518 persoas na procura de traballo.

A industria servíu desta volta de segmento tractor ao groso dos concellos do sur de Arousa á hora de emular o comportamento na maior parte das comarcas de Galicia, única comunidade (-1,90 %) xunto a Baleares que inverteu o aumento en xaneiro do paro rexistrado no resto de España. Na casilla do sector fabril figuran 118 profesionais menos nas listaxes de demandantes de emprego da zona, rebaixando o número de traballadores en paro do sector a 1.112; isto é, un 9,59 % menos ca ao remate do 2020. En todos os concellos, agás Meis, cun desempregado máis, mellorou o dato do sector.

Os servizos tamén contribuíron á baixada en xaneiro con 85 desocupados menos (-1,4 %, caendo por debaixo dos 6.000, a 5.988), reducíndose asimesmo en 44 as persoas sen emprego anterior que buscan oco no mercado laboral, 532. Son pola contra 12 parados máis na agricultura/gandería (480 en total) e 4 na construción (623).

A comparativa interanual fala de 687 desempregados máis na zona ca en xaneiro do 2020. Mal dato que, porén, agocha elementos para o optimismo. Primeiro, porque son 306 desocupados menos no diferencial de decembro do 2020 e 2019 (+993). Segundo, porque a última baixada de 231 parados racha co tradicional comportamento negativo de xaneiro en materia laboral -no conxunto de Galicia vivíuse a primeira melloría desde 1996-; un ano atrás o sur de Arousa sumaba 75 parados máis no mes.

 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A industria tira dunha baixada extraordinaria do paro na zona en xaneiro, próxima ao 3 %