O vilanovés Víctor Mariño debuta tras a corentena preto do podio Sub23 do Nacional de Descenso

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILANOVA DE AROUSA

Cedida

O vilanovés acabou ademais 15º. na clasificación xeral

24 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O ciclismo de montaña arousán gozaba o pasado domingo dun bronce nacional, pero ben puideron ter sido dous. En paralelo ao terceiro posto na clasificación elite da grovense Lara Lois na liña de meta do Campionato de España de XCO (Cross Country Olímpico) en Valladolid, o vilanovés Víctor Mariño remataba a 3 segundos e 73 centésimas do terceiro caixón do podio Sub-23 da gran cita estatal da modalidade de Descenso, disputada na localidade granadina de Otívar. Cun sexto posto na súa categoría e o decimoquinto na clasificación do conxunto de todas as idades.

Na que foi a súa primeira carreira do 2020, e podería acabar sendo a última, Víctor Mariño arrincou a súa participación no Campionato de España de Descenso con forza, marcando o décimo mellor tempo de todos os participantes na rolda destinada a determinar a orde de saída da serie final. Nun circuito «con bastante po, cheo de pedras en todo o trazado e súper rápido», sinalaba onte o arousán, un problema co pedal esquerdo da súa bicicleta botou por terra a súa convicción de poder ter mellorado o seu primeiro crono: «O pedal saíaseme, non conseguía meter o pé, e perdín un par de segundiños». Quen sabe se algún máis. A cuestión é que Mariño remataba cun crono de 2.52.75, polos 2.49.02 que lle valeron ao catalán Ignasi Jorba para facerse co bronce Sub-23. O madrileño Orion Kirchmayer foi o campión da categoría en 2.47.47 en dura pugna con Marc Jover, con 2.47.73. O galego elite Ángel Suárez (C.C. Padronés) foi o campión absoluto cun tempo de 2.37.58.

Con todo, Mariño amósase «súper contento» véndose no Top-15 español tras acudir a Otívar sen ningunha referencia. Convocado polo seleccionador galego de Descenso tres semanas atrás cando xa non contaba con que esta tempada puidese correr ningunha proba -o vilanovés ía debutar a fin de semana do decreto do estado de alarma-, e podendo adestrar a tope só desde comezos do verán. Campión galego Sub-23 no 2019, Mariño (20 anos) confía en que o 2021 lle permita comezar a asentarse na categoría tras unha sobresaínte etapa xuvenil.