Budiño: «O mundo da cultura está poñendo o cen por cento»

Bea Costa
bea costa VILANOVA

VILANOVA DE AROUSA

PACO RODRÍGUEZ

O músico presenta hoxe en Vilanova o disco «Fulgor», no que será o seu primeiro concerto este ano

01 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • 21.30 horas • Xardín Umbrío (Vilanova) • Entrada libre • Xosé Manuel Budiño sobe esta noite ao escenario de Vilanova coincidindo coa Festa da Conserva no que será o seu primeiro concerto no que vai de ano. Será unha cita especial, condicionada polas restricións do coronavirus, pero iso non ten por que ser un impedimento para pasalo ben.

-O primeiro concerto do 2020?, non estará nervioso a estas alturas?

-[Risos] Con todos os nervios do mundo..., creo que é importante ter esa sensación de vertixe, de ter todo atado, para que todo funcione. Evidentemente, esa vertixe desaparece cando pisas o escenario, xa empezado o concerto ten que haber unha sensación pracenteira.

-Que se vai oír en Vilanova?

-Imos facer «Fulgor». É o meu último disco, que quedou suspendido por todos os acontecementos do coronavirus, e este é o momento de seguir presentando este traballo, que saíu o ano pasado e é o primeiro disco no que canto.

-O Budiño gaiteiro vai dar paso ao Budiño vocalista...

-Sempre me considerei músico e compositor. Evidentemente, a gaita é o meu instrumento desde que empecei, desde «Paralaia», hai vinte anos, pero sempre tiven esa visión máis de creador e produtor de música que de instrumentista. Por suposto, a gaita é o instrumento que che pon pés na terra e grazas a ela conseguín cantar ao meu xeito, con esa riqueza que ten de melodías.

-Como afronta o futuro no escenario que deixa o covid-19?

-Tratamos de non ter as miras demasiado lonxe, pola experiencia tan próxima de que cada semana as cousas van cambiando. Todo o mundo da cultura está poñendo o cen por cento para respectar os protocolos de sanidade e a seguridade dos concertos, coas pilas moi ben postas para que o público que vaia a un concerto teña toda a seguridade e poida desfrutar dun acto coas maiores garantías. O sector cultural está a facer un gran traballo e mañá [por hoxe] se vai demostrar con este concerto ao aire libre en Vilanova.