Gañemos Vilanova acusa ao PP de manipulación para contratar aos seus afíns

La Voz VILANOVA / LA VOZ

VILANOVA DE AROUSA

CEDIDA

«Nas próximas eleccións a ?Durán and company axencia de colocación? entrará en quebra», indica o grupo da oposición

28 feb 2019 . Actualizado a las 21:37 h.

Gañemos Vilanova incide en criticar a política de contratación do Concello de Vilanova, agora a conta da selección para cubrir o posto de conserxe-limpador. «Os requisitos deste concurso foron sospeitosos desde o principio. Por riba da proba escrita e a práctica, o que máis se valoraba nas bases era o feito de levar mais tempo traballando para o Concello de Vilanova», indican vía comunicado.

«Deste xeito, moitas persoas con mais experiencia, que non estiveran contratadas antes polo Concello, quedaban fora. Dun total de dez puntos, a proba teórica e práctica contaban cun máximo de tres puntos cada una, e catro a experiencia traballando no Concello de Vilanova», segundo explica a formación. «Os resultados finais foron os previsibles: a persoa contratada resultou, casualmente, a que fora xa contratada polo Concello con anterioridade, a cal participou nas listas electorais do PP local nos anos 2007 e 2011. Debemos deixar constancia de que se non fora polos méritos (é dicir experiencia) a persoa que gañou este proceso quedaría en terceiro lugar, xa que ela conseguiu os catro puntos máximos, mentres que a segunda nota máis alta foi un 0,9», explican.

Puro caciquismo

«Estamos ante un feito de puro caciquismo, un concurso manipulado a conciencia para que saíra a persoa que eles querían. Basta de que Vilanova sexa un ‘cortijo’. Todos os veciños pagan os seus impostos, non só os amigos de Durán, e merecen ter as mesmas oportunidades para optar a un posto de traballo. Estamos convencidos que nas próximas eleccións ‘Durán and company axencia de colocación’ entrará en quebra», conclúe o grupo da oposición liderado por Elena Cores.