De cando ían ao toxo co carro e as mulleres lavaban no río

VILANOVA DE AROUSA

MONICA IRAGO

No monte da igrexa recrearase unha aldea do pasado século, con artesáns, comida, música e exposicións

31 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

9 e 10 de xuño • Todo o día • Monte da igrexa de Baión (Vilanova) • A asociación cultural O Castro bota unha ollada atrás para recuperar os oficios e as tradicións do rural galego. Estampas que ata fai medio século estaban á orde do día -lavar no río, cruzarse cun carro de vacas ou ver traballar a oleiros e ferreiros- son hoxe obxecto de estudo etnográfico. Os máis vellos non van descubrir nada novo, pero esta primeira edición da Mostra de oficios, costumes e xogos populares serviralles para lembrar vivencias de non hai tanto e, sobre todo, para que os mozos aprendan como vivían seus avós.

En Baión poderase ver como ferran a un cabalo, un amasado de pan ou unha sesión de malla. Cesteiros, canteiros, ferreiros, augardenteiros, carpinteiros, zoqueiros, un afiador e artesáns do encaixe e de instrumentos musicais traballarán durante dous días ao tempo que soa a música de gaita, tambor e pandeiretas nos cantos de taberna e na foliada. Uns quince grupos de música tradicional actuarán na mostra, unha cita que quere ser moito máis que un deses mercados celtas ou medievais que tanto se estilan ultimamente.

A loxística é importante. Ademais dos postos de pino e saco reservados aos artesáns, habilitarase un espazo para xogos tradicionais, outro para a malla -na que van participar veciños de Valga, que xa levan anos rememorando as tarefas do campo-, unha carpa gastronómica e unha exposición na casa da cultura. O aparcamento estará situado no polígono industrial de Baión, ao lado do colexio, e desde alí, os asistentes poderán dirixirse ao recinto nun tren turístico que funcionará de 10.30 a 14 horas e de 16.30 a 21 horas, de balde.

Haberá outros alicientes en Baión: unha exposición de coches e motos de época e unha cea tradicional con ovos, pan, chourizos, viño, queimada e espectáculo de meigas e da Santa Compaña, neste caso só para os participantes e colaboradores, que suman unhas duascentas persoas.

O carro do país, os debulladores de millo e o canteiro roveñen da parroquia, pero como zoqueiros e outros oficios xa se perderon en Baión, a organización tivo que recorrer a xentes doutros lugares para completar a súa aldea do século XX.

Á hora de poñer en marcha esta iniciativa, a asociación tivo que chamar a moitas portas. Entre os colaboradores están a Xunta de Galicia, o Ministerio de Empleo y Seguridad Social, la Obra social La Caixa, a Deputación de Pontevedra e o obradoiro de emprego Vista Real III (Vilanova).

Tanto o presidente da asociación O Castro, José Sabarís, como o alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, destacaron onte a importancia deste proxecto á hora de recuperar a cultura popular, especialmente pesando nas novas xeracións. «Os oficios forman parte do legado dos pobos, non se deben esquecer. Preservar a nosa cultura é preservar a nosa identidade», indicou Sabarís.

PROGRAMA

Sábado

11 horas Inauguración

11.30 Carro do país: corta de toxo

12 Sesión de malla

13 Debullar o millo

13.30 Escena lavadoiro

17 Descarga do carro do país

18 Sesión de malla manual

19 Amasar o pan

19.30 Escena de lavadoiro

20 Cantos de taberna

20.30 Titiriteiros

Domingo

11.30 Carro do país, corta de toxo

12 Sesión de malla manual

13 Cantos de taberna

13.30 Escena no lavadoiro

17 Carro do país

18 Sesión de malla manual

19 Cantos de taberna

19.30 Escena de lavadoiro

20 Música tradicional: zanfona

20.30 Foliada