«Nos últimos tres anos a escola está a perder de 40 a 50 alumnos por curso»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILANOVA DE AROUSA

MARTINA MISER

O paso do máis duro da crise, e a maior capacitación idiomática xeral serían algunhas das causas do descenso da matrícula da Escola Oficial de Idiomas de Vilagarcía. «Se vemos demanda dalgún idioma, volveremos sondealo. Hai que estar ao que pida a sociedade», di o seu director

09 oct 2017 . Actualizado a las 13:56 h.

Licenciado na antiga carreira de Filoloxía Xermánica na especialidade de Inglés, Juan Paz Valle (Vilanova de Arousa, 5/X/1967) inicia o seu sétimo curso coma director da Escola Oficial de Idiomas de Vilagarcía. Un centro dependente da Consellería de Educación, que permeabiliza os cambios que, cun punto de radicalidade, se están a dar no marco da educación das linguas, pero tamén das condicións laborais do país.

-Hai un ano abriron unha sondaxe sobre que sexto idioma desexaría a xente ver incorporado á oferta do seu centro. Pero desde entón nada novo se sabe dun novo idioma..

-Si. A enquisa estivo aberta a toda a poboación. Nós propuxemos tres opcións, o galego, o chinés e o xaponés, que eran polos que máis preguntaban na Escola, pero era unha sondaxe completamente aberta. De feito, houbo votos para outros idiomas coma o ruso, o árabe, euskera... A implantación dun novo idioma non depende do centro, só pode propoñela a Educación, e precisa dunha mínima demanda social. Con menos de 150 persoas que din ‘si, quérome matricular’, non ten moito sentido, porque desa xente arredor dun 30 % logo non o fai. Ningunha das opcións votadas chegara ás 60 peticións. Pero se se ve que hai demanda dalgún idioma, volveremos sondealo. Hai que estar pendente sempre do que pida a sociedade.

-¿E como fan para detectar esa nova demanda?

-Pola cantidade de xente que contacta connosco para preguntar. Cando fixemos a enquisa, foi porque había un pico de xente preguntando se había outros idiomas cos que impartiamos.

-¿A Escola de Idiomas de Vilagarcía non manexa hoxe entón ningún défice de cobertura para o que lle requiere a súa contorna?

-De idiomas, que teñamos nós detectado, non. Houbo moita xente que preguntou polo galego, pero non se concretou despois na enquisa. Houbo hai uns anos moita demanda de galego, de xente que precisaba acreditar o seu dominio. Pero esa demanda diminuíu, a nós chéganos de forma anecdótica, porque xa case todo o mundo acreditou o dominio do galego, e as novas xeracións saen do Bacherelato coa acreditación.

-¿Teñen lista de espera?

-Pois vimos de chamar a todo o mundo que quedaba nela. E atendeuse a todos. Outra cousa é que quede oco nas horas que un alumno queira. Só sei dunha persoa que non atopou oco na franxa que desexaba. Inda non teño o dato consolidado, pero este curso deberamos rematar cuns 1.000 alumnos. Arredor de 700 de inglés, uns 120 de francés, 90-100 de alemán, e de 50 a 70 de italiano e portugués. Nos últimos tres anos notamos 40-50 alumnos menos có curso precedente. Baixa a matrícula presencial, pero sobe a libre, a dos que se matriculan só para a proba de certificación.

-¿E a que obedece ese descenso?

-¡Quen o sabe! Hai moitas causas. Nas reunións de directores das once escolas oficiais de idiomas de Galicia os dos centros máis grandes dinnos que entre 2009 e 2011 aumentara moito a matrícula pola crise, e que os que entón se matricularan estaríanse reincorporando ao mercado laboral. Tamén hai cada vez máis nivel na formación en idiomas.

«Os xubilados poden supoñer hoxe un 20 % das matrículas»

-¿Cal é o perfil do alumno da Escola de Idiomas de Vilagarcía? ¿Varía segundo a lingua?

-É moi amplo. Diversificouse moito nos últimos anos. No meu primeiro ano tiñamos máis de 300 alumnos menores de 18 anos. Este inda non teño a cifra, pero o curso pasado eran menos de 50. Cada vez hai máis xente consciente de que non é necesario empezar de cero en inglés na Escola de Idiomas, porque cando remate no Bacherelato entrará directamente en primeiro do nivel intermedio, no terceiro dos seis cursos do plan actual. Ese grupo de idade estaba en gran parte en inglés, duplicando estudos. E por outra banda, aumentou moitísimo o alumnado xubilado. No 2010 era anecdótico, e agora é unha parte importante do total. É posible que un 20 %. Despois hai moitos profesionais que, por crecemento persoal, veñen á Escola, sexan do eido que sexan. Desde xornalistas a enxeñeiros, docentes, persoal de ciencias da saúde... Pero non porque médicos ou enfermeiros digan ‘Vou marchar a Portugal ou ao Reino Unido’. É máis a dinámica de querer saber. O noso maior grupo de alumnos vén de aí. De persoas que din ‘O título non é que me interese especialmente, veño porque quero aprender’.

-¿Como vai o alemán? ¿Segue a haber unha forte demanda, ou tratouse dunha burbulla máis?

-¡Eeeh...! Difícil sabelo. O tempo nolo dirá. É moi cedo por agora para sabelo. As declaracións de Merkel hai 3 anos, 4, de que había traballo en Alemaña para todos déronlle un pulo moi importante ao alemán. De feito, no noso centro segue a ser a terceira lingua. Nese sentido a Escola Oficial de Idiomas non é o lugar idóneo, porque é unha institución pensada para formar a longo prazo nun idioma, non para facelo ¡xa! Pero si, a raíz daquelas declaracións o alemán pasou de ser a cuarta ou quinta a ser a terceira lingua demandada no noso centro, e hoxe segue dobrando a quinta. De ser unha burbulla, xa tería estoupado. Non creo que ninguén veña á Escola pensando en emigrar. O noso modelo de ensinanza estrutúrase en seis anos, e o alemán segue a ter unha matrícula no nivel básico que é boa. Tamén é certo que polo tipo de dinámica da nosa ensinanza, se che gusta, engánchate. E logo, os alumnos matricúlanse por diferentes motivacións. Hai quen quere aprender un certo nivel do idioma para viaxar, outro para ler na lingua orixinal, xente á que só lle interesa chegar a un grao de autonomía no que se sinta cómoda. Iso nótase sobre todo no alemán, no portugués e no italiano, que moitos alumnos queren aprender pola cultura; por poder dicir ‘Seino, porque me apetece; coma reto’.

«A biografía lingüística di moito máis da persoa co currículo, e hoxe se valora máis»

-A Escola de Idiomas de Vilagarcía leva anos promovendo actividades alternativas máis aló da ensinanza canónica, como achegar parte da cultura dos pobos de orixe dos idiomas que se imparten. ¿En que medida incide o coñecemento desa cultura propia no grao e profundidade da aprendizaxe dunha lingua?

-Unha das cousas que máis valora o alumnado nunha escola é a diversidade de experiencias de aprendizaxe. As charlas, as actividades de teatro, os concertos... Pero non só un señor cunha guitarra, senón un señor cunha guitarra que che conta de onde vén a súa música. Unha chica que veu facernos unha demostración de danza escocesa tamén explicou de onde vén a roupa que se usa con ela, a orixe do baile... E ao final iso suma. Este semana, coincidindo co Día Europeo das Linguas, fixemos fincapé na biografía lingüística, á que hoxe lle están a dar cada vez máis importancia as empresas de recrutamento laboral e de cazatalentos. Na biografía lingüística non só se recollen os idiomas que falamos, o cando e como os aprendemos, senón tamén as motivacións que nos levaron a facelo, xunto coas experiencias informais de aprendizaxe de linguas, que outros idiomas queres aprender... É un documento no que explicas, por exemplo, que ademais do idioma que aprendeches no instituto, ao mellor te molestaches en ir a unha escola de idiomas a coñecer outro, que despois estiveches un mes en Grecia de viaxe para percorrer o país e volveches falando algo de grego; que fuches de Erasmus a Finlandia un curso, ou canto aprendín de noruego aquel verán con aquela moza que tiven. A biografía lingüística, a experiencia aprendendo linguas, di moito máis da persoa que o apartado do currículo onde só se recollen os títulos. A biografía lingüística é unha parte do currículo ao que se lle está a empezar a dar moita importancia nas entrevistas de traballo. A actividade que nós fixemos esta semana foi pedirlles aos nosos alumnos que redactasen as súas biografías lingüísticas, e colgámolas nas parades da Escola para compartir as súas experiencias.

-¿E que programación paralela teñen pensado para este curso?

- A deste curso aprobarémola a semana que vén. Pero sempre incluímos charlas, charlas activas para o alumno. Con artistas que poidan contar o seu proceso de creación, ben porque escriban ben porque canten ben porque pinten... Que sexa unha experiencia máis de aprendizaxe.

 

«Que un neno medre con máis dunha lingua é enriquecedor»

-¿Que nun país con ensinanza case universal do inglés desde os 6 aos 16 anos, senón ata o 18, que o idioma máis demandado nas escolas oficiais de idiomas sexa o inglés ¿non resulta un fracaso do noso sistema educativo?

-¡Ah...! ¡Que pregunta máis complexa! Non necesariamente. O nivel de Bacherelato co que rematas non é o nivel máis alto que se aprende na Escola Oficial de Idiomas. Aquí mídense as catro destrezas co idioma, e tes que superar as catro: comprensión lectora e oral, expresión oral e escrita. ¿Cal é a meta real que queremos acadar coa educación do inglés na ensinanza obrigatoria? A meta que queiramos acadar marcará o grao de cumprimento. ¿O plan de estudos da ensinanza obrigatoria pretende que teñas o mesmo nivel de habilidade nas catro destrezas? Creo que non. Eu non diría que é un fracaso.

-¿Entón, para que cre que serve a aprendizaxe do inglés na ensinanza obrigatoria?

?O mesmo que para calquera outra materia. Na ensinanza obrigatoria trátase de aprender unhas bases. En inglés, coma en matemáticas, en bioloxía... Quizais o que nos falta é tomárnolo máis en serio. Pero o como aprendemos está cambiando. En materias coma o inglés vese que o alumno está a ter unha percepción práctica do que aprende.

-¿Que opina sobre a crenza inda profusamente estendida en Galicia de que contar con dous idiomas supón un problema de aprendizaxe para os nenos, que só poden aprender ben un?

-¡Buff! ¡Miña nai!. Eu medrei aprendendo tres. Entre o francés, galego e español; e licencieime en inglés. Continuamente cada pouco temos estudos que defenden unha e outra tese. A miña experiencia di que non é un atranco. Dime que educarte desde cativo en máis dun idioma é enriquecedor. E compróbano os nosos alumnos. É moi raro ver a un dos nosos alumnos que ao rematar un idioma, non se matricule noutro. Ves casos que enlazaron catro idiomas. Cantas máis linguas falas, máis doado resulta aprender a seguinte. No noso alumnado temos familias nas que o pai fala un idioma, a nai outra, e aprenden o do pai, que pode ser italiano, falan galego e español, e aprenden inglés fóra da casa. E son nenos que teñen unha plasticidade tremenda. Si hai estudos que din que nos nenos hai un breve espazo no que inda non se produce a diferenciación entre as linguas cando medran entre varias, pero é un período moi breve. Nunca coñecín ninguén que teña problemas para diferenciar as linguas. É como cando aprendes as cores. O periodo de indefinición en todo proceso de aprendizaxe é normal.