O festival do imaxinario de Galicia ábrese á industria do cinema, a Vilagarcía e a facer voar os sentidos do espectador montado na furgoneta de Scooby-Doo
VILAGARCÍA DE AROUSA
O Curtas ofrecerálles padriños de rodaxe internacional a 15 guionistas e busca involucrar a localidade con concursos de escaparates, de balcóns e de tapas
01 oct 2026 . Actualizado a las 20:47 h.Hai semanas xa que a organización do Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa anunciara os grandes números das producións que encherán os dez días do festival audiovisual decano de Galicia na súa 54.ª edición: 148 títulos (36 longametraxes e 112 curtas), incluídas 13 estreas mundiais e traballos de peso como o da surcoreana Hope, un dos grandes descubrimentos da última edición do Festival de Cine de Cannes, no que competiu por levar a Palma de Ouro. Este xoves, a menos de 24 horas da apertura do groso das exposicións que un ano máis servirán de prólogo para o certame (do 23 de outubro ao 1 de novembro), a organización que encabeza Luis Miguel Rosales debullou o amplo programa que rodea e redondea o certame, cargado de novidades como poucas veces, ata o punto de falar o seu director de «un ano de cambio para o festival»; en tres grandes frontes.
Comezando polo cerne do festival, o patio de butacas, o Curtas afondará nunha máis ca interesante faceta inmersiva, iniciada hai uns anos co Samaín Arrepiante, a cea que permite gozar dun clásico do terror en pantalla xigante con actores pululando arredor. Este ano, coa proxección de A Profecía, que cumpre os 50 anos, no medio doutras tres propostas interactivas. Baixo a etiqueta A Noite do Ritual, os asistentes ao pase de Scream —30 anos desde a súa estrea— recibirán un kit de supervivencia con todo o necesario para gozar desde os seus asentos dunha experiencia máis aló da pantalla. Na mesma liña, pero para toda a familia, pasaránse no Salón García de Vilagarcía tres grandes clásicos, Dentro do Labirinto ?40.º aniversario—, A historia interminable e A princesa prometida, co resto dos sentidos competindo coa vista por desfrutar da experiencia. E a todo o anterior súmenlle o Curtas VHS Vault, co espazo de charlas transformado nun videoclub a modo de homenaxe a uns locais que, recorda Rosales, tanto e tanta canteira fixeron polo e para o cine. No caso do do Curtas, cos asistentes pudendo sacar o seu propio carné e procurar resolver unha serie de misterios con dereito a participar nun sorteo de agasallos, buscando entre cintas físicas de vhs que agochan títulos malditos do cinema e outros que nunca se rodaron máis aló do interior doutra película.
Sen abandonar a esfera dos dous espazos centrais do festival, o Salón García-Casa da Cultura e o Auditorio de Vilagarcía, o director do Curtas fixo fincapé no salto cualitativo da vertente industrial do certame coa primeira edición do Curtas Imaxina, o primeiro Mercado de Proxectos de Cinema Fantástico de Galicia, no que lles ofrecerá a 15 guionistas atopar financiamento para cadanseu proxecto seleccionado entre 73 traballos presentados, con roldas de contactos con produtoras de Los Ángeles, de Canadá, de Nova Zelanda, de Arxentina e de España na capital arousá no marco do Curtas.
E no seu afán por implicar a veciñanza de Vilagarcía, e que sinta o certame como algo seu, a organización anunciou tres iniciativas en forma de concursos, un de escaparates, dirixido ao comercio local, outro de balcóns de terror, para os cidadáns, e un terceiro de tapas arrepiantes, para os restauradores e hostaleiros. Tres iniciativas unidas por unha mesma pretensión: vestir a vila cunha atmosfera fantástica única.
A furgoneta de Scooby-Doo, unha Fraga do Imaxinario, pases adaptados ao TEA ou desfile e magosto no Samaín
Máis aló das exposicións que mañá poderán comezar a visitarse no marco do Curtas, a visita cada ano de vehículos fantásticos empregados en grandes películas e sagas cinematográficas e de televisión é un dos grandes ganchos do programa que rodea as proxeccións do festival vilagarcián. Tras desvelar semanas atrás a presenza o 24 e 25 de outubro do Chevrolet Impala de 1967 da serie de terror Supernatural, Luis Miguel Rosales anunciou o paso por Vilagarcía o sábado 31 de outubro e o domingo 1 de novembro dunha das furgonetas máis recoñecidas por xeracións e xeracións de afeccionados ao universo de animación da factoría Hanna-Barbera, empregada polo can máis medoñento da historia, Scooby-Doo, e os seus amigos de Misterios S.A.
Entre os pratos fortes da vindeira edición do Curtas aparece tamén a gran festa que organiza na tarde e na noite do 31 de outubro baixo a etiqueta Samaín Arrepiante, que este ano suma ao seu habitual obradoiro de calacús, á ruta do truco ou trato polos comercios locais e ao desfile e concurso de disfraces na Praza de Galicia un magosto popular en colaboración con Zona Aberta, amenizado pola música da banda folk Zeltia Irevire e o grupo local Coda.
Programa educativo e social
No seu afán por atraer a todo tipo de públicos, e tamén por educar no amor, na paixón e no coñecemento do cinema, o certame arousán ofrecerá percorridos escolares ás súas exposicións, adaptados a desde os máis pequenos da educación infantil ata alumnos universitarios. Tamén a proxección para estudantes de dous clásicos do cine mudo, Viaxe á Lúa, de Georges Meliès, con entrega de material para facer taumatropos e zoótropos, e As aventuras do príncipe Achmed, neste caso, con música en directo a cargo da agrupación Caspervek, que fusionará o cinema con ritmos africanos e melodías orientais.
Na mesma liña, o Curtas fará sesións azuis, proxeccións familiares matinais integramente adaptadas a persoas con trastorno do espectro autista (TEA).
Tamén na parcela da responsabilidade social, o certame de Vilagarcía de Arousa porá en marcha A Fraga do Imaxinario, unha iniciativa de reforestación e compensación de carbono mediante a plantación de especies arbóreas autóctonas no parque da Coca, cada unha delas co nome dun dos directores, dos guionistas, dos actores e demais creadores do cinema e da banda deseñada que foron premiados por un Curtas arroupado na presentación da súa 54.ª edición polo alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, pola concelleira de Cultura, Sonia Outón, e polo deputado provincial Jorge Cubela.
Paseando o talento galego e o gañador do certame por tres continentes
Os representantes do Concello e da Deputación salientaron a potencia da proposta do Curtas e a súa condición de escaparate ao mundo que supón para Vilagarcía, en particular, e Pontevedra, en xeral. O seu director, Luis Miguel Rosales, salientou que, máis aló diso, o Curtas leva varios anos xa exportando polo mundo os traballos de creadores galegos presentados ás súas seccións oficiais en quince festivais de Europa, de América e de Asia, como o Macabro de México ou o Obscura Filmfest de Alemaña. Desde este ano faráo tamén a curta gañadora do Premio Especial do Xurado.
Mestres de efectos especiais, un premio Eisner e Chelo Loureiro
Durante os dez días de duración do Curtas Festival do Imaxinario serán decenas os convidados de primeiro nivel que pasarán por Vilagarcía de Arousa. Entre eles, varios nomes moi destacados, como o de dous mestres en efectos especiais, o británico Colin Arthur e o italiano Sergio Stivaletti, que recibirán o premio Mestre do Fantástico do certame, o da galega Chelo Loureiro, gañadora de catro premios Goya de animación e Premio Curtas 2026, ou a ilustradora navarra Laura Pérez, que vén de gañar un premio Eisner este ano por Nocturnos.