Escabeche, cuscús de gazpacho e tres voltas: receitas para bentratar o bonito
VILAGARCÍA DE AROUSA
Así elabora Xoanqui Ameixeiras o rei dos peixes de verán dende a praza de abastos de Vilagarcía
28 ago 2026 . Actualizado a las 11:28 h.Carne firme, sabor intenso, xeneroso en cortes, posibilidades e propiedades saudables. Así é o bonito, o peixe que reina no mar de Galicia durante os meses de verán, con permiso de rinchas, sardiñas e outras delicadezas. E así foron as dúas propostas que o chef Xoanqui Ameixeiras desenvolveu onte para a súa preparación, no marco do programa que o Concello de Vilagarcía e o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro impulsan dende a praza de abastos da capital arousá. Que a iniciativa que o carismático cociñeiro encarna cada mes dende a aula gastronómica do mercado é un absoluto acerto demóstrao o aspecto que este xoves amosaba o espazo. Cheo coma nécoras en tempada con sesenta espectadores dispostos a anotar cada detalle.
«Isto non é un showcooking no que un cociñeiro demostre as súas habilidades. Isto é cociña de facer na casa». Baixo esta premisa acendeu Ameixeiras uns fogóns que, antes que o brillo propio, o que procuran é un propósito pedagóxico. Aprender a curar unha grella, unha prancha ou unha tixola de ferro con sal gordo. Darlles a temperatura axeitada, sempre alta, para evitar ou cando menos frear que o peixe fique pegado nelas. Comprobar como un escabeche ben pensado, co seu pemento de Padrón, a súa cebola, a súa cenoria e mesmo uns cogomelos pode converter os descartes do bonito nun prato exquisito. Ou o ben que funciona como base un cuscús humedecido non con caldo quente, senón cun gazpacho suave elaborado con tomates da horta do Salnés. A diferenza, explicou o cociñeiro, consiste en que esa hidratación pedirá máis tempo, arredor de vinte minutos, e que precisa probas constantes ata que a sémola de trigo informe ao padal de que está no seu punto.
Ollo á segunda das receitas. Uns tacos e unha ventrecha executados sobre a prancha, nin un intre máis do preciso, para recibir logo un baño de aceite previamente aromatizado con allo e caiena, que será retirado e aplicado de novo ata tres veces para permitir que o bonito ceda todos os seus xugos. Son as tres voltas que o grande Martín Berasategui ideou hai décadas e segue a ser, recoñeceu Xoanqui, un xeito dificilmente superable de bentratar calquera peixe. Se ademais se acompaña dunhas patacas cocidas e laminadas, cubertas cun mollo inspirado no picón canario (allo machucado, coandro, pemento doce e picante, vinagre de mazá, aceite de oliva e especias a gusto) e de volta ao forno para recibir unha segunda cocción, só restará pedir pan.
Nos intermedios que pide a cociña, o noso home resposta calquera dúbida. Un consello final: as receitas van estando dispoñibles na plataforma ticket.vilagarcia.gal. Aquí non se perde nada.
Pequena escola de cociña. O programa que impulsan o GALP e as concellerías de Turismo e Promoción Económica de Vilagarcía, con Xoanqui Ameixeiras aos fogóns, funciona como unha auténtica escola de cociña práctica para a promoción da praza de abastos. A súa seguinte entrega terá lugar o xoves 24 de setembro dentro do ciclo O calendario da ría na túa mesa.