Plantexan un préstamo de 4,1 millóns para abordar diversas actuacións

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

Entre elas, a compra dos terreos para construir unha residencia pública

21 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O goberno local de Vilagarcía somete á aprobación do pleno os pregos para licitar a concertación da operación de préstamo incluída nos presupostos municipais de 2026 por importe de 4,1 millóns de euros. Con estes fondos está previsto financiar o plan de investimentos previstos para o actual exercicio económico, con actuacións tan importantes como a compra de terreos para a construción dunha residencia pública —1,2 millóns—, o plan municipal de asfaltados que permitirá continuar renovando a rede viaria do Concello, especialmente no rural (550.000), a mellora de infraestruturas deportivas (195.000€ nos que se inclúen os 85.000 da segunda fase da reforma do pavillón de Bamio) ou o pago anual para ampliación da depuradora de augas residuais (627.000).

Sería un préstamo a longo prazo, a 16 anos, que Ravella poderá amortizar a partir de 2027. A aprobación dos pregos por parte do pleno é un requisito imprescindible para poder iniciar o procedemento de contratación pública, que se abrirá tan pronto como se cumpra este trámite. O executivo local pretende que sexa canto antes co obxectivo de poñer en marcha as licitacións dos distintos proxectos. A maiores dos xa comentados, tamén se pagará co préstamo a demolición das naves da entrada do Ramal e a reforma interior do novo centro de servizos sociais dos Duráns.