Os lentes que regalaba o Concello de Vilagarcía para o eclipse voaron en media hora
VILAGARCÍA DE AROUSA
As gafas especiais mercadas a través da web serán entregadas na praia da Compostela o propio 12 de agosto
07 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello de Vilagarcía abriu onte o prazo de reserva das 2.000 gafas homologadas para desfrutar da eclipse con seguridade. A elevada demanda destas lentes traduciuse nun reparto practicamente instantáneo. Media hora foi suficiente para esgotar as reservas a través da plataforma ticket.vilagarcía. Foi tal a demanda que a páxina aínda tardou uns minutos en enviar os códigos QR.
Desde o equipo de Alberto Varela préganlles ás persoas que finalmente non vaian utilizar as lentes protectoras que tramiten a súa cancelación a través da mesma plataforma. Deste xeito, as unidades que queden libres poránse á disposición de quen non conseguira reservalas.
O acto organizado polo Concello para seguir a eclipse do día 12 dará comezo ás 17.30 horas no parque da praia Compostela, onde se habilitarán varias carpas para o reparto das lentes previamente reservadas. A xornada contará tamén con animación musical e actividades de divulgación. A partir das 19.30 horas a divulgadora científica María Brea ofrecerá explicacións sobre a eclipse, as súas características e os efectos que provoca na natureza. O momento de máxima ocultación produciráse ás 20.30 horas, cando a vila vivirá un escurecemento case total do ceo, anticipando durante uns minutos a chegada da noite.