O tirón de media comarca permite nadar contra corrente e levar a Arousa a encadear por segundo mes o seu mellor dato de paro
VILAGARCÍA DE AROUSA
A redución do número de persoas sen unha primeira ocupación anterior e de desempregados do sector primario fixo posible o novo rexistro
05 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Os datos de desemprego do mes de xullo coñecidos esta semana deixaron un panorama inesperado no conxunto do Estado. Nun mes tradicionalmente benéfico para o mercado laboral español, o paro rexistrado experimentou un forte aumento, cifrado en 19.517 persoas respecto aos datos de xuño, situando o número de cidadáns na procura dun contrato de traballo nos 2.311.499. O comportamento, que algúns analistas atribúen á inscrición nas listas do Servicio Público de Empleo Estatal (SEPE) de milleiros de estranxeiros beneficiados pola regularización masiva que vén de finalizar, estendeuse a Galicia, onde a cifra de desempregados se elevou en 1.554 demandantes máis dun posto laboral ata chegar ás 107.322.
En medio desta onda, xeneralizada nas catro provincias galegas (Pontevedra viu incrementado o seu número de parados en 450, A Coruña en 585, Ourense en 317 e Lugo en 202), o xogo de sumas e de restas dos once concellos do sur da ría de Arousa e do interior do Salnés deron coma resultado unha lixeira redución de 7 desempregados. Cantidade tan pequena como capaz de marcar un novo fito estatístico, ao permitir que a zona encadee por segundo mes consecutivo o mellor rexistro de parados da serie histórica: 3.882.
O comportamento non foi, nin moito menos, homoxéneo, sustentándose o beneficio neto asentado no mercado laboral arousán na evolución de cinco concellos. O Grove, con 13 parados menos, dos 236 ao peche de xuño aos 223, liderou a modesta caída do paro na zona secundado por Cambados, con 11 menos, pasando dos 445 aos 434. Meaño, con -8 (de 116 a 108), Vilanova de Arousa, con -5 (de 413 a 408) e Pontecesures, con -2 (de 125 a 123) completaron o lado positivo dun rexistro no que A Illa de Arousa se mantivo sen variación, coas mesmas 114 persoas na procura dun contrato de traballo que se contabilizaban no mes de xuño.
No polo oposto, o dos concellos cun incremento do número de desempregados, Ribadumia figurou desta volta á cabeza, con 10 máis, pasando dos 136 aos 146, seguida de Catoira, cun incremento de 9, subindo dos 111 aos 120, de Meis (de 139 a 145) e de Vilagarcía de Arousa (de 1.858 a 1.864), con 6 máis cada un, e de Valga, no que a cifra de parados sumou unha persoa, achegándose á barreira dos 200 (de 196 a 197).
Por sectores
O descenso en 24 dos cidadáns sen un emprego anterior, das 340 aos 316, e dos desempregados do sector primario —agricultura, gandaría e pesca—, de 163 a 153, permitiron a nova cifra histórica de paro na banda sur da ría de Arousa. Tanto o sector servizos, con 14 parados máis, cun total de 2.707, como o da construción, con 6 e 248, e o da industria, con 7 profesionais na procura de ocupación laboral, 458 en total, lastraron a evolución do paro rexistrado no habitualmente fértil mes de xullo.