Ravella contrata servizos de mantemento nos colexios de Vilagarcía por valor de 22.300 euros

SARA ABALO PÉREZ; R. E. VILAGARCÍA/ LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Obras de mantenimiento en la fachada del colegio de Arealonga en 2025
Obras de mantenimiento en la fachada del colegio de Arealonga en 2025 MONICA IRAGO

Os beneficiados serán a escola de música e os centros de Arealonga e Rosalía de Castro

05 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Vilagarcía amplía o plan de mantemento dos centros educativos que desenvolve cada verán. Este ano realizaranse tres obras máis de mantemento e conservación. A Xunta de Goberno local contratou onte as actuacións, cun orzamento de 22.358 euros, que consistirán na limpeza, reparación de fendas e pintado de fachadas nos colexios de Rosalía de Castro e Arealonga, así como na mellora do patio da Escola Municipal de Música.

Reformas Trébol é a empresa encargada de acondicionar os muros exteriores e os aleiróns de Arealonga, visiblemente deteriorados. Tamén actuará no zócolo, que presenta fendas polas que entra humidade, así como nos traballos de lavado de paredes, selado de fendas, desatasco de sumidoiros e pintado con clorocaucho, cun investimento de case 9.500 euros.

Por outra parte, esta empresa tamén executará a limpeza, o tapado de fendas, o borrado de grafitis e o remate con pintura plástica para exteriores da fachada do colexio do Carril, cun prezo de 8.107 euros. No caso da Escola Municipal de Música, a empresa encargada é Garocaprim, que adecuará o patio co obxectivo de resolver as deficiencias que presenta, garantindo a seguridade do alumnado. Os traballos consisten na extensión dunha capa de formigón e na execución das xuntas de dilatación, completando o orzamento con 4.813 euros.

Estas intervencións súmanse ás que o Concello executa, dende o mes de xuño, en todos os centros educativos de infantil e primaria, no marco dos labores habituais de mantemento. Estas actuacións iranse completando durante o mes de agosto, de cara a que estean listas para o inicio do curso.