A eclipse do 12 de agosto acadará o seu nivel máximo en Arousa ás 20.30 horas

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

O divulgador Xavier Fonseca recomenda preparar ben unha xornada histórica

30 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunha das pasaxes dos nove libros que arredor do século V antes de Cristo dedicou á Historia, Heródoto reflectiu un combate entre medos e lisios que rematou de xeito abrupto. A noite caera en pleno día sobre o campo de batalla, e os litigantes viron neste fenómeno un sinal claro de que a vontade dos deuses estaba coa paz. En 1915, cando Alemaña se batía co Reino Unido e Francia na Primeira Guerra Mundial, un científico inglés, Arthur Eddington, recoñeceu que a relatividade xeral enunciada por un colega xermano, Albert Einstein, daba na clave, por moito que a súa teoría desbancase a gravidade do seu egrexio compatriota sir Isaac Newton. É máis, catro anos despois, el mesmo liderou a investigación que comprobou que a curvatura do espazo desviaba a luz, tal e como predicira Einstein. Fíxoo empregando a eclipse total que aquel ano rexistrou África. Ao longo de ducias de milleiros de anos, o ser humano interpretou de xeitos moi distintos a interposición da Lúa entre a Terra e o Sol, que hoxe describe a ciencia dun xeito se cadra non tan épico, pero sen dúbida si atractivo. E, como se ve nas dúas anécdotas que onte relatou Xavier Fonseca nun auditorio ateigado en Vilagarcía, unha eclipse tamén pode unir o home por riba das súas diferenzas, por violentas que sexan.

O divulgador científico de La Voz de Galicia soubo transmitir ao numeroso público a importancia dun fenómeno, a eclipse total, que, insistiu, ningún galego que naza hoxe poderá volver ver dende a casa. O seguinte non terá lugar ata o ano 2180. Xavier deu algunhas pinceladas prácticas para preparar unha xornada histórica. En Vilagarcía, a ocultación do Sol acadará o 99,64 %. Insuficiente para observar a espectacular coroa solar, a atmosfera do astro que si poderá ser contemplada na Coruña ou na Mariña lucense, o mellor enclave de Galicia para aprecialo en toda a súa grandeza. Sempre, claro está, que o tempo acompañe. Porque nas Rías Baixas, a posibilidade de que o ceo estea anubrado no serán do 12 de agosto é dun 40 %, pero en Ribadeo elévase ao 60 %. Aquí, precisou, o meirande risco pode estar nas néboas, persistentes pola calor excesiva e o feito de que, sen vento do nordés, as augas superficiais das rías estean demasiado quentes. Algo máis que pensar para os negacionistas climáticos.

En Arousa, a ocultación do disco solar comezará ás 19.42 horas para, aos poucos, acadar ese 99,64 % máximo ás 20.30 e devalar ata rematar por completo ás 21.18. Que convén facer? «Preparar a xornada e ter ata un plan B», teimou Fonseca. Non haberá dúas oportunidades coma esta.