O Piñeiriño despide á Cacharola, a muller que mellor soubo facer barrio, ás portas dos cen anos
VILAGARCÍA DE AROUSA
Carme Búa faleceu este sábado, días antes de que o pleno de Vilagarcía bautice o parque da barriada co seu alcume
25 jul 2026 . Actualizado a las 19:00 h.As despedidas son así. Suceden cando teñen que suceder, nin un día antes nin un minuto despois. Sería fermoso que Carmen Búa puidese cumprir cen anos en setembro, rodeada da súa xente, contemplando como o parque do Piñeiriño, o barrio que ela mesma e a súa filla tanto contribuíron a conformar, recibe coma nome o seu alcume, A Cacharola. En plural, neste caso, coma homenaxe ás dúas Carmes e ao movemento veciñal ao que ambas souberon dar pulo. Pero non será. Carmen faleceu este sábado, ás portas de se converter en centenaria, mais sabendo, dende maio xa, que a memoria do seu labor ficaría inmortalizada no rueiro de Vilagarcía.
Aínda que foi confirmada esta mesma semana, para a súa proposta ao pleno, a decisión foi tomada en primavera, cando a asociación de veciños Breogán e o conxunto dos representantes municipais amosaron a súa vontade de dedicarlle o parque, lugar de encontro por antonomasia, ás Cacharolas. En nome de todos, foi o alcalde, Alberto Varela, quen agasallou a Carmen cun ramo de flores. Se O Piñeiriño presume de ser o mellor barrio do mundo é, en boa medida, por persoas coma ela.
O funeral terá lugar o luns, ás oito do serán, na igrexa do Divino Pastor, en Sobradelo.