O parque do Piñeiriño pasará a ser denominado As Cacharolas en homenaxe a Carmen Búa

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

O barrio do Piñeiriño e a corporación municipal renderon homenaxe á Cacharola en maio
O barrio do Piñeiriño e a corporación municipal renderon homenaxe á Cacharola en maio

O pleno debatirá unha iniciativa que se concibe como un recoñecemento ao labor do movemento veciñal

24 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Carmen Búa Franco foi, en compaña da súa filla, quen, dende os anos 80, liderou a recuperación e organización das festas de San Xoán no Piñeiriño, ata chegar a convertelas nun referente en toda Vilagarcía e noutras poboacións da contorna. Por esta razón, tendo en conta o consenso co que conta a idea, o parque do barrio pasará a ser nomeado como As Cacharolas, o seu alcume. A proposta, que será debatida no pleno do vindeiro xoves por iniciativa de Alberto Varela, supón o cumprimento do compromiso que o alcalde adquiriu diante da asociación de veciños Breogán no recente acto de homenaxe que lle foi dispensado á veciña.

En realidade, apunta Ravella, este é un recoñecemento compartido. En primeiro lugar coa súa filla. Xuntas contribuíron de maneira decisiva co seu esforzo «á xeración do sentimento de comunidade desta populosa urbanización». Pero tamén vai alén das dúas Cacharolas para se transformar nun recordo permanente á propia veciñanza que, tomando exemplo das súas mulleres, «foi quen de transformar O Piñeiriño no mellor barrio do mundo», de acordo coa célebre sentencia coa que a asociación sempre o publicita.

«Este recoñecemento simboliza tamén toda unha xeración de veciños e veciñas que, de maneira altruísta, dedicaron o seu esforzo a construír un barrio máis unido, participativo e solidario», subliña o rexedor socialista na proposta que será abordada polo pleno. Xa en maio, cando as diferentes forzas políticas interviñeron na homenaxe a Carmen Búa, o apoio a esta iniciativa foi unánime, «contando, en consecuencia, cun amplo respaldo oficioso da corporación, que agora é preciso oficializar».