Vilagarcía unirá as redes de saneamento e abastecemento de Solobeira coas de Baión
VILAGARCÍA DE AROUSA
Cinco vivendas poderán acceder por vez primeira a dous servizos básicos dos que carecían
21 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello de Vilagarcía continúa avanzando na mellora das infraestruturas básicas do rural con dúas actuacións centradas no abastecemento de auga e no saneamento. A primeira delas desenvolverase na rúa A Valiña, en Solobeira, onde unhas obras permitirán unir as redes municipais de Vilagarcía e Vilanova de Arousa, concretamente co lugar de Framil, na parroquia de Baión. Grazas a este acordo, cinco vivendas poderán acceder por primeira vez a dous servizos básicos dos que carecían ata o de agora.
A actuación conta coa colaboración da empresa concesionaria do servizo de augas, Espina & Delfín, que se encargará da instalación das tubaxes, mentres que a apertura das gabias correrá a cargo da empresa Montajes Iglesias, SL, por encargo do Concello. Debido á diferenza de cotas do terreo, serán os propietarios das vivendas os que deberán asumir a conexión final á rede, incluído o sistema de bombeo necesario.
De forma paralela, o Servizo de Obras municipal está a renovar a rede de saneamento do Freixo, na parroquia de Sobrán. As antigas tubaxes de fibrocemento sufriran numerosas roturas que provocaron vertidos, chegando incluso a afectar á praia do Preguntoiro. Así, mellorarase o funcionamento da rede.