Gozar da praia sen deixar pegada: unha campaña para protexer os areais

abel ozores / s. g. VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Presentación campaña  Goza da praia sen deixar pegada
Presentación campaña Goza da praia sen deixar pegada rosi

Vilagarcía acolle a campaña ambiental que promove Afundación

07 jul 2026 . Actualizado a las 09:30 h.

As praias son un dos grandes atractivos do verán, pero tamén un espazo natural que require coidado e responsabilidade. Con ese obxectivo, Vilagarcía acolle unha nova parada da campaña «Gozar da praia sen deixar pegada», unha iniciativa do proxecto Plancton que busca concienciar á cidadanía sobre a importancia de desfrutar dos areais sen causar un impacto negativo no medio ambiente. A actividade, instalada na praia de Compostela ata o 15 de setembro, conta coa colaboración do Concello de Vilagarcía e pretende crear hábitos sostibles entre veciños e visitantes mediante paneis informativos e accións de sensibilización.

A tenente de alcalde, Tania García, destacou durante a presentación que o principal reto é fomentar unha maior sensibilidade cara ao coidado da contorna. Manter unha praia con bandeira azul implica unha responsabilidade compartida entre Administracións e usuarios. «É unha responsabilidade e tamén unha obriga coidar da nosa vila», sinalou.

Pequenos xestos, gran impacto

A bióloga Saleta González Pimentel, responsable da campaña, explicou que o obxectivo principal é fomentar boas prácticas no uso dos areais, incidindo en que a prevención é a ferramenta máis eficaz para reducir o lixo mariño. O proxecto Plancton leva retiradas preto de 200 toneladas de residuos, aínda que a súa filosofía pasa por recoller cada vez menos porque a sociedade xere tamén menos desperdicios. En espazos como os de Vilagarcía conviven o uso recreativo co aproveitamento dos recursos mariños, polo que é necesario respectar tanto o ecosistema como as actividades que nel se desenvolven.

A bióloga recordou que a Unión Europea publicou recomendacións para empregar recursos máis respectuosos co medio ambiente e aplicalos seguindo determinadas pautas para minimizar o seu impacto na auga.

Un traballo diario

Hai apenas un mes, realizábase unha acción similar na contorna da illa de Cortegada. Durante o verán, detéñense as limpezas organizadas por Plancton para deixar paso ao traballo ordinario dos servizos municipais. Deste modo, as actuacións do proxecto retomaranse en setembro.

A mensaxe final cara o público é clara: desfrutar da praia e protexela é compatible.

A pe de area. A presentación da campaña «Gozar da praia sen deixar pegada» contou, no areal da Compostela, coa presenza de Saleta González Pimentel, directora técnica; Tania García, tenente de alcalde; Álvaro Carou, concelleiro de Turismo; Manuel Macheda, responsable de RSC de Afundación; e Javier Tilves Carballo, director da oficina de Abanca en Vilagarcía. Rosi pardagunde