Iñaki Martínez abre o capítulo de renovacións na dianteira do Arousa
VILAGARCÍA DE AROUSA
O club vilagarcián fixa a súa asemblea xeral o domingo día 12
01 jul 2026 . Actualizado a las 21:00 h.Logo de mes e medio de parón informativo practicamente absoluto, a actualidade do Arousa vai a noticia por día, ou mesmo dúas, coma este mércores. Tras coñecer a última hora da tarde do martes o calendario das 34 xornadas de Liga da Segunda Federación 2026/27, no que aparece un CD Arenteiro cuxo nome será substituído en breve polo do equipo que se faga coa praza que vén de perder polos seus impagos aos xogadores, o club vilagarcián deu conta doutras dúas novidades.
A primeira, a continuidade de Iñaki Martínez. O mediapunta de 26 anos e nacido en México encadeará a súa quinta temporada no vestiario da Lomba, no que este ano tivo un peso crucial. Terceiro máximo goleador do campión do grupo galego da Tercera RFEF con 7 tantos, a metade dos 15 asinados por Gabri Palmás e xusto por detrás da tarxeta de 8 de Álex Rey, Iñaki Martínez foi o autor dun dos tres goles cos que o Arousa levantou o 0-2 en contra ante o Céltiga na derradeira xornada do campionato regular para acabar gañando, conquistando a Liga e devolvendo a entidade arlequinada á Segunda Federación.
«Non son aínda consciente de que o conseguíramos despois de catro anos tentándoo», comentaba o mediapunta tras asinar o acordo para a súa continuidade. «Non podía estar noutro sitio que non fose este», declarou antes de falar do que vén por diante: «Antóxase unha vindeira tempada complicada, e máis vendo as viaxes que teremos que facer, pero os retos están para superalos e creo que estamos con moitísima ilusión para afrontalos».
Tamén este mércores, a directiva do Arousa anunciou a convocatoria da asemblea xeral ordinaria do club para o domingo 12 de xullo ás 12.00 horas na aula-seminario do recinto feiral de Fexdega. Como é costume, someteránse a aprobación as contas do exercicio finalizado este martes e o orzamento do que comezou o mércores, informándoselles aos socios do novo proxecto deportivo.