Torrado, primeiro canterano confirmado no novo proxecto do Arousa na Segunda Federación
VILAGARCÍA DE AROUSA
O lateral dereito vilanovés quere seguir gozando dun club no que vén de gozar da mellor temporada da súa traxectoria
30 jun 2026 . Actualizado a las 20:33 h.O Arousa contará alomenos cun canterano no seu salto de regreso á Segunda Federación. O vilanovés Carlos Torrado volverá ocupar o lateral dereito para deleite dunha afección arlequinada entusiasmada esta última campaña co rendemento total dun xogador quen de xerar enorme perigo na área rival sen desprotexer a súa parcela defensiva, na mellor mostra do que debe ser hoxe un carrileiro.
Formado na canteira do Arousa, Carlos Torrado volvía no verán do 2024 ao vestiario da Lomba logo de seis anos nos que a súa brillante temporada de estrea na Terceira División co conxunto vilagarcián lle abrira as portas do Coruxo na Segunda B. Dous anos no cadro vigués e tres no Polvorín, o filial do Lugo, entre a Tercera e a Segunda Federación deron paso ao seu salto ao equipo da Primera Federación da cidade da Muralla, no que só botou oito partidos antes de recalar no Racing Vilalbés da Segunda RFEF e, de aí, de volta a Vilagarcía.
Con máis de 100 partidos co primeiro equipo do Arousa e logo de levar o brazalete de capitán, Torrado vén de pechar a que considera «a mellor temporada da miña carreira, tanto a nivel persoal coma futbolístico», con máis de 2.000 minutos de xogo e dous goles na Liga; e convertido nun dos futbolistas diferenciais no ascenso.