O instituto distribúe 3.000 manteis ilustrados polo alumnado
24 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O IES Castro Alobre puxo en marcha unha nova edición da campaña de dinamización lingüística «O galego, o mellor menú», unha iniciativa que busca fomentar o uso da lingua galega no día a día da veciñanza a través dun espazo tan habitual como os establecementos de hostalaría. Estudantes e profesorado do centro comezaron este martes a distribuír 3.000 manteis de papel que chegarán a bares, cafeterías e restaurantes de todo o municipio.
A proposta, que alcanza xa a súa undécima edición, está impulsada polo equipo de Dinamización Lingüística do instituto en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vilagarcía. A presentación da campaña tivo lugar nun acto no que participaron representantes municipais, docentes e alumnado do centro educativo.
Os manteis que se repartirán ao longo das próximas semanas incorporan ilustracións e mensaxes creadas polo propio alumnado. Os traballos seleccionados pertencen a Irene Cortés Maceiras, Alba Baños Bouzas e Xiana Serantes Núñez, estudantes de 2.º de Bacharelato, así como a Izel Díaz Seijo, alumna de 1.º de Bacharelato. Pola súa banda, o cartel promocional desta edición foi deseñado por Iago Nogueira Novoa, estudante de 2.º da ESO. Durante a presentación, a concelleira de Cultura, Sonia Outón, destacou a relevancia de manter no tempo accións que contribúan á promoción da lingua galega e valorou o compromiso que o IES Castro Alobre vén demostrando desde hai máis dunha década neste ámbito. Ademais, subliñou a importancia de trasladar estas iniciativas a sectores con contacto directo coa cidadanía.
Desde o centro educativo agradeceron a colaboración institucional que fai posible o desenvolvemento desta iniciativa. A responsable do instituto sinalou que actividades deste tipo contribúen a reforzar a relación entre o centro e a sociedade.