O sector servicios fai caer con forza o paro na banda sur de Arousa no mes de maio

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Meis, O Grove e Meaño encabezan as baixas porcentuais respecto a abril

02 jun 2026 . Actualizado a las 21:14 h.

O conxunto dos once municipios do sur de Arousa e o corazón do Salnés pecharon o mes de maio con 4.187 persoas inscritas nas oficinas públicas de emprego. Son 142 menos respecto ás 4.329 rexistradas o mes anterior. A caída do nivel do paro na zona sitúase deste xeito nun 3,28 % na comparativa mensual, unha porcentaxe superior ao 2,62 % da redución experimentada no conxunto de Galicia.

A análise do capítulo dos sectores produtivos non deixa lugar á dúbida. A melloría anotada no mercado laboral da franxa noroeste da provincia de Pontevedra débese case na súa práctica totalidade ao bo comportamento amosado polo sector servizos. A aproximación á temporada estival reflectiuse na saída de 127 demandantes de traballo das listas do Servicio Público de Empleo Estatal (SEPE) asociadas ao segmento do que forman parte a hostalaría e o comercio. Das 3.071 persoas que buscaban un contrato neste sector a finais de abril pasouse a 2.944 en maio, unha redución do 4,1 %.

Francamente modestas foron as caídas do paro na construción, que pasou de 259 a 253 demandantes de emprego (-6), e na industria, de 489 a 487 (-2), completándose a boa nova coa contracción tamén do colectivo de persoas sen actividade anterior, isto é, aquelas que queren iniciarse no mercado laboral, que diminuíron de 336 a 324 (-12).

A agricultura, gandaría e pesca ofreceron en maio o único lunar, ao aumentar en cinco o seu número de parados, subindo dos 174 de abril aos 179 en maio.

Por concellos, só Ribadumia, cos mesmos 155 veciños na procura dunha ocupación remunerada que o mes anterior, e Pontecesures, con dous veciños máis na mesma situación ao remate do pasado mes, cun total de 125, frustraron un pleno de números negros na contabilidade do paro rexistrado na zona.

As boas novas encabezounas Meis, cunha espectacular caída do 10 por cento nun mes, ao pasar dos 161 aos 145 desempregados (-16), unha porcentaxe que rozaron tanto O Grove, cunha baixada do 9,2 %, dos 303 aos 275 (-28), e Meaño, do 8,7 %, de 138 a 126 (-12). A Illa de Arousa, cun -7,6 % (de 132 a 122), e Catoira, cun -6,3 % (de 127 a 119), experimentaron tamén notables síntomas de melloría nos seus mercados laborais, resultando máis discretas as minoracións rexistradas en Vilanova de Arousa, cunha redución do 3,3 %, dos 479 aos 463 parados (-16), en Valga, do -3,25 %, dos 215 aos 208 (-7), en Cambados, do 2,6 %, dos 504 aos 491 (-13), e en Vilagarcía de Arousa, cunha rebaixa do 1,7 %, dos 1.992 demandantes de emprego aos 1.958. 

Baixa o desemprego feminino

Dos 142 parados menos contabilizados na diferenza dos rexistros de maio e abril, 77 son mulleres, por 65 homes. Con todo, o gran desequilibrio entre ambos xéneros segue patente nos datos globais. Dos 4.187 demandantes dun contrato laboral ao termo do mes pasado, 1.812 son homes, polas 2.375 mulleres na mesma situación. Isto é, eles son o 43,28 % do total de parados, mentres elas contabilizan o 56,72 %.