Abren o prazo de inscrición na terceira Travesía a Nado #PoloDanoCerebral

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Imaxe da presentación da travesía vilaxoanesa.
Imaxe da presentación da travesía vilaxoanesa. CRIS DURAN

A cita, aberta a todo o mundo, celebraráse o 11 de xullo na praia vilaxoanesa do Preguntoiro

28 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Mes e medio resta inda ata a celebración da cita deportiva, na mañá do domingo 11 de xullo, pero a organización do evento, a cargo da entidade Arousaman-Arousawoman, e o presidente da federación de asociacións Dano Cerebral Galicia quixeron presentalo este derradeiro mércores de maio na casa do concello de Vilagarcía de Arousa para promocionar tanto a participación na auga como o respaldo desde terra da que será a terceira edición —celébrase cada dous anos— da Travesía a Nado #PoloDanoCerebral. O escenario, a praia vilaxoanesa do Preguntoiro.

Acompañados polo alcalde e polo edil de Deportes de Vilagarcía, Alberto Varela e Carlos Coira, o presidente de Dano Cerebral Galicia, Luciano Fernández, o seu homólogo de Arousaman-Arousawoman, Juan Ramón Martínez, e a nadadora Marta Vázquez salientaron a relevancia dunha proba sen afán competitivo e aberta tanto a persoas que padezan dano cerebral como sen el.

Fernández sinalou que a súa federación, con arredor de 3.500 socios e que agrupa a entidades de Vigo, da Coruña, de Ourense, de Santiago e de Lugo, aposta por «a consolidación dun modelo de dereitos para as persoas con discapacidade que pase pola inclusión; levamos anos traballando nun programa de ocio inclusivo libre de barreiras, que inclúe o deporte, e estamos especialmente orgullosos desta actividade, nun concello solidario como Vilagarcía».

Desde Arousaman-Arousawoman, o seu presidente, Juan Ramón Martínez, subliña que a travesía, nun rectángulo seguro con tres lados de terra e só un de mar e dúas voltas a un percorrido total dunha milla náutica, servirá de colofón ao traballo de medio ano en piscina e no propio escenario do evento das persoas con dano cerebral que, como Marta Vázquez, participarán nel.

A deportista, nadadora desde antes de sufrir dano cerebral e quen de ter cruzado xa unha vez a nado a ría de Arousa, salienta que, da man de Arousaman-Arousawoman, «fixemos un moi bo grupo» axudados na aprendizaxe técnica por monitores do club, ata o punto de conseguir que persoas que nin sabían nadar acaben completando a travesía.

Martínez animou a toda a xente a participar, na auga ou en terra. Cun límite de 150 prazas, a inscrición estará aberta ata cinco días antes na web polodanocerebral.org, con fila 0 tamén para axudar economicamente a proba.