«A corazón aberto», un filme sen heroes nen espellos

Xabier Marqués

VILAGARCÍA DE AROUSA

Fotograma da película que se proxectará o vindeiro venres.
Fotograma da película que se proxectará o vindeiro venres. Cineclube Ádega

O filme, dirixido por Susanne Bier, proxectarase o vindeiro mércores

05 may 2026 . Actualizado a las 19:50 h.

 Dende a súa publicación por parte dos directores daneses Lars von Trier e Thomas Vinterberg, o manifesto Dogma 95 ten suscitado unha evidente polarizacion de opinións, nomeadamente entre aqueles que o consideraban como un movemento radicalmente transformador e os que o menosprezaban calificándoo de pretencioso e sobrevalorado. O seu decálogo de regras pretendía promover unha cinematografía baseada nos valores esenciais da creación: historia, actuación e minimalismo escénico, excluíndo o uso de artificios creativos coa esperanza de que a industria reintegrase o poder autoral ó artista .

“A corazon aberto”, da directora Susanne Bier, aproveita de xeito inmellorable as regras propostas no manifesto. O desenvolvemento da trama a partires dun suceso tráxico, introdúcenos nas vidas dos personaxes a través de situacións plausibles, representadas na pantalla dun xeito directo, evitando as manipulacións emocionais. A cámara achégase ós actores con tanta honestidade que, coma espectadores, chegamos a implicarnos sen límites nas súas aflicións sen necesidade de aditivos alleos á situacion dramática que representan.

Mads Mikkelsen encabeza o reparto de excelentes actores e actrices danesas que poboarán os filmes do movemento Dogma durante eses anos nos que, paradoxalmente, a rixidez das súas normas potenciará a creatividade ata extremos impredecibles.

O egoísmo, a mentira, a desesperación, a perda, o baleiro, a compaixón, o desexo... Susanne Bier amósanos a través de personaxes imperfectos como a vida nos pode levar por camiños que nos expoñen a dilemas inimaxinables na vida cotia... Non hai heroes, non hai espellos, non hai ensinanza. Só queda a autoreflexión e quizáis, ao rematar a película, a ledicia de sentírmonos un pouquiño máis sabios

A ficha

Ano: 2002

Duración: 113 min.

Nacionalidade: Dinamarca

Dirección: Susanne Bier

Guion: Anders Thomas Jensen

Reparto: Mads Mikkelsen, Sonja Richter, Nikolai Lie Kaas, Paprika Steenn.