Usuarios de Amencer-Aspace preparan agasallos para o pianista tras o seu apoio ao Solifest, o festival solidario de Vilagarcía
26 mar 2026 . Actualizado a las 20:39 h.O Solifest, o festival solidario de música e actividades que se celebra no barrio vilagarcián do Piñeiriño, continúa sumando apoios de relevancia a cada nova edición. Un dos que se uniu á causa foi o pianista de orixe británica James Rhodes, que compartiu nas súas redes sociais un vídeo no que animaba á xente a participar nesta cita solidaria. «Ola, meus!», comezaba dicindo, antes de destacar o valor de iniciativas deste tipo. Rhodes tamén expresou o seu desexo de poder estar presente no festival, que celebrará a súa terceira edición o 19 de abril de 2026: «Oxalá puidese estar aí en persoa», comentou no vídeo.
A súa mensaxe tivo unha grande repercusión entre o público e emocionou especialmente aos usuarios de Amencer-Aspace. No Centro de Atención Integral Princesa Letizia, ao ver o vídeo do pianista, decidiron responder cun xesto cheo de cariño e gratitude. «Cando viron a súa mensaxe puxéronse mans á obra para preparar varios agasallos feitos por eles mesmos e unha cesta moi especial», explican desde a organización. Unha cesta chea de agasallos co galego como protagonista.
Como forma de agradecerlle a súa solidariedade e o seu apoio ao festival, os usuarios quixeron facerlle chegar unha invitación moi especial ao músico. «Gustaríanos moitísimo que viñeses a Vilagarcía a recoller o teu agasallo. Pode ser antes, despois ou mesmo o día do Solifest… cando che sexa posible», sinalan na mensaxe dirixida ao pianista.
Un piano por se as moscas
O convite inclúe tamén unha cálida acollida no barrio que organiza o evento: «Aquí agardámoste cos brazos abertos, no mellor barrio do mundo: O Piñeiriño». E mesmo engaden, con humor, unha pequena promesa para o caso de que finalmente poida achegarse: «E si… o 19 teremos piano por se as moscas».