
A maioría estarán en Vilagarcía, entre As Carolinas e Arealonga
15 jun 2025 . Actualizado a las 13:03 h.A Xunta construirá 385 novas vivendas na comarca do Salnés dentro do seu plan para duplicar o número de vivendas públicas ata chegar ata as 8.000 en toda Galicia no presente mandato. Así o anuncia o PP con motivo da visita dos deputados María Deza, Raúl Santamaría e Juan Bayón e a voceira do Partido Popular en Vilagarcía, Ana Granja, á parcela sita no barrio de Marxión de Vilagarcía onde, a través da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia, construiranse dez vivendas publicas, unha vez que a mesma sexa cedida polo Concello.
Así mesmo, os deputados populares lembraron que o Goberno galego licitou o pasado 4 de abril, por un orzamento de 568.911 euros, o servizo de redacción do proxecto de interese autonómico e o proxecto de expropiación e de parcelamento para a obtención de 6,2 hectáreas entre a avenida das Carolinas e as rúas Coca e Arealonga de Vilagarcía, onde se prevé a construción doutras 350 vivendas.
Sen saír da comarca, o Concello de Sanxenxo cederá en Mourelos, na parroquia de Noalla, para a construción de 25 vivendas.
Os deputados populares criticaron a «falta de compromiso do Goberno central en materia de vivenda», logo de que anunciara a súa intención de impulsar un Acordo Estatal de Vivenda para os anos 2026 a 2030 na Conferencia de Presidentes celebrada a pasada semana. «Todo quedou nun anuncio propagandístico máis do Goberno de Pedro Sánchez, porque, tal e como xa explicou o Presidente Rueda, non se puxo enriba da mesa proposta formal algunha nin existiu diálogo institucional efectivo sobre vivenda antes, durante ou despois na citada Conferencia de Presidentes», segundo indica Raúl Santamaría.
Diante desta situación, os deputados populares anunciaron a presentación no Parlamento de Galicia dunha iniciativa para esixir ao Goberno de España unha proposta formal e detallada para iniciar a negociación real dun Acordo Estatal de Vivenda 2026?2030, acompañado de cronogramas, financiamento, e garantías de execución que atendan as peticións, propostas e necesidades manifestadas polas comunidades autónomas.
Así mesmo, pedirase a convocatoria da Conferencia Sectorial de Vivenda, «que leva desde o mes de outubro sen reunirse, como foro de cooperación multilateral no que facer efectiva a participación das comunidades autónomas na definición do interese xeral, o apoio á unidade de acción e o respecto ao autogoberno e a diversidade».