A Fundación de Vilagarcía oferta 270 prazas nos seus campamentos de verán

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

A Fundación de Deportes de Vilagarcía de Arousa oferta 270 prazas para rapaces de 7 a 16 anos na vindeira edición dos seus campamentos de verán. O prazo de presentación permanecerá aberto ata o 20 de xuño, debendo presentarse as solicitudes por sede electrónica.

O obxectivo dos campamentos é facilitarlles a práctica deportiva a todos os rapaces, promovendo o fomento de hábitos de vida saudable e favorecendo a súa socialización. Con tal fin, a Fundación oferta dúas modalidades. A Escola Municipal Multideportiva, con cen prazas para nenos nados entre o 2010 e o 2018, con horario de luns a venres de 10 a 13 horas desde o 1 de xullo ao 22 de agosto en Fexdega, na pista de atletismo, nas de tenis, na praia da Compostela e en diferentes parques da localidades; o seu custe é de 12 a 18 euros. A Escola de Navegación, con 170 prazas e catro posibilidades para nenos nados entre os anos 2009 e 2017: escola de vela, con 80 prazas, con quendas de mañá (10.30 a 13.30 horas) e de tarde (16.00 a 19.00) no Centro Galego de Vela; de salvamento (30 prazas), de luns a mércores (12.00-13.00 horas), na praia do Preguntoiro; de piragüismo (30), os venres e sábados na nave de usos náuticos Antón Paz; e a escola de remo (30 prazas), os luns, mércores e xoves de 11.00 a 13.00 horas, tamén en Vilaxoán. Nas escolas marítimas, a xestión é a cargo dos clubs locais.