A Deputación inxecta 362.000 euros en máis dun cento de clubs arousáns
VILAGARCÍA DE AROUSA
O diñeiro correspóndese a catro liñas de axudas directas ás sociedades deportivas da provincia por valor de dous millóns e medio de euros distribuídos polo ente no último mes e medio
06 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Algo máis de 362.000 euros. Esta é a cantidade que, desde o 26 de outubro e ata onte, inxectou a Deputación de Pontevedra en máis dun cento de clubs do sur de Arousa e do interior do Salnés a través das catro liñas de axudas ao deporte que sucesivamente veu aprobando a xunta de goberno do ente provincial.
A primeira delas, a despachada polo executivo da Deputación o 26 de outubro, unha partida para clubs que participan en competicións oficiais de ámbito estatal. Entre os beneficiarios, sete entidades da comarca, que recibiron 79.179 euros, co Arousa ingresando 30.000 e a Agrupación Deportiva Cortegada 28.428. O Cambados Tenis de Mesa percibiu 2.984 euros, 1.345 o Kennel Den, club de mushing de Catoira, 896 o Motoclub VFM de motociclismo de Vilagarcía e 863 a Asociación Cultural e Deportiva GAM de Meaño polo seu equipo de tenis de mesa.
Dúas semanas máis tarde, o 9 de novembro, a Deputación aprobou outras dúas liñas de axudas aos actores que practican e promoven o deporte na provincia, con 75.600 euros repartidos entre dúas ducias de clubs arousáns pola organización de eventos deportivos. Para o caso de competicións deportivas federadas oficiais de ámbito estatal e de alto nivel, o Grove Racket Club de tenis recibiu 19.477 euros, o Club Náutico O Muíño de Ribadumia 3.404, a Asociación Deportiva Arousa Fútbol 7 23.381 e o Motoclub VFM de Vilagarcía 4.471. E para a organización de competicións oficiais doutros ámbitos territoriais e eventos deportivos, o Club Ajedrez Albariño de Cambados ingresou 1.285 euros, o Club Baloncesto O Meco 469, o Club de Remo Mecos 1.344, o Club Marítimo, Deportivo e Cultural Breogán do Grove 474, o Céltiga da Illa de Arousa 863, o CD Mosteiro de Meis 528, o CD Ribadumia 2.295, a AD Cortegada 2.118, a Asociación Deportiva-Cultural Vilagarcía Esgrima 740, o Arousa 2.295, o Club Baloncesto Vilagarcía 2.295, o Club Ciclista Xiabre 402, Os Ingleses Rugby Club 755, o Club de Tenis Rial 1.147, o Club Piragüismo Vilagarcía 872, o San Martín 2.295, a Asociación Deportiva Vilanova 1.113, a SDP Arnelas 513 e o Cordeiro CF 769.
No día de onte, a xunta de goberno da Deputación aprobou outras dúas liñas de axudas. A primeira, dotada con 600.000 euros e destinada a 519 clubs deportivos da provincia que participan en competicións federadas de ámbito inferior ao estatal. Un grupo no que figuran 69 entidades da contorna do Salnés e de Arousa, que se reparten 83.811 euros.
«Somos a provincia do deporte»
A segunda liña de subvencións confirmada onte pola Deputación entrega medio millón de euros a 54 clubs náuticos de 23 concellos pontevedreses. Na zona de Arousa e do Salnés, falamos de 94.697 euros entre oito sociedades deportivas de piragüismo, 16.582 para tres clubs de remo e 12.195 a catro de vela.
«O noso compromiso co deporte tradúcese en recursos concretos para promover a práctica deportiva e para impulsar todas as modalidades, apoiando os clubs e federacións de todas as disciplinas», declarou onte o presidente da Deputación. Na mesma liña, Luis López salientou: «Somos a provincia do deporte, e para seguir séndoo temos a obriga de apoiar os nosos deportistas e clubs, que levan con orgullo o nome da nosa provincia alá onde compiten».
Dous millóns e medio de euros destinados directamente ás arcas das entidades
A Deputación de Pontevedra destinou no último mes e medio 2,5 millóns de euros de axudas directas aos clubs en provincia en catro grandes partidas. A maior, de 900.000 euros, distribuída entre 80 entidades de 25 concellos a modo de colaboración na súa participación en competicións oficiais de ámbito estatal. Un diñeiro ao que sumou medio millón de euros para colaborar no labor de organización de competicións e de eventos deportivos e, no día de onte, outros tantos para os clubs náuticos pontevedreses e 600.000 máis inxectados nas arcas de máis de medio milleiro de sociedades deportivas da provincia que participan en competicións federadas de ámbito inferior ao estatal.
Sobre a primeira das liñas de axudas, a deseñada para apuntalar a presenza pontevedresa en competicións oficiais de nivel estatal, o presidente da Deputación, Luis López, declarou tras a súa aprobación pola xunta de goberno provincial: «Sentímonos moi orgullosos desta liña de axudas, que foi renovada este ano para corrixir os desequilibrios que se viñan dando en convocatorias anteriores», con ánimo de «apoiar a estas entidades como merecen, xa que os nosos deportistas nos referencian no mundo e os nosos clubs traballan a diario para facer realidade todos estes logros», afirmou.
Posteriormente, o día da aprobación da partida de 500.000 euros para a axuda na organización de eventos deportivos, López salientou o aumento da súa dotación este ano en 200.000 euros, «proba de que o noso compromiso co deporte non só se sustenta en palabras, tamén en feitos», dixo.