Ravella nega que se adestrase no pavillón de Fontecarmoa antes de finalizar a obra e pídelle ao PP unha desculpa pública
VILAGARCÍA DE AROUSA
Os socialistas acusan ao grupo popular de «mentir descaradamente»
17 sep 2024 . Actualizado a las 15:22 h.«Ningún equipo adestrou no pavillón de Fontecarmoa antes da recepción da obra». Con esta rotundidade encabeza o goberno de Vilagarcía o comunicado emitido este martes para desmentir as acusacións realizadas polo PP o día anterior. «O PP erra ao pensar que somos igual de irresponsables que eles, que meteron a nenos e nenas no pavillón Castelao coa cuberta en obras», engaden os socialistas.
Ante esta situación, esixen unha desculpa pública ante o que cualifican como «fake» do PP» e acusan ao grupo da oposición de «mentir descaradamente».
«Se ben era certo que estaba previsto que se comezasen a usar as instalacións a partir do xoves 5 de setembro, como non foi posible realizar a firma da recepción ata o martes 10 pola mañá, falouse cos clubs que xa estaban avisados para pospoñer o seu regreso ata ese mesmo martes pola tarde. Para máis información, foron o Cortegada e o CB os que estrearon a flamante instalación deportiva o martes 10 pola tarde», explican desde o Concello.
«Estamos fartos de ver como o PP local se opón por sistema a calquera actuación que supoña unha mellora para a cidade, criticando e tratando de obstaculizar e ensuciar con mentiras as grandes obras promovidas por este goberno, como a da escola infantil de Vilaxoán, a da nova biblioteca e agora a do pavillón número 1 de Fontecarmoa. A súa forma de actuar volve deixar totalmente claro que o PP de Vilagarcía móvese unicamente por interese partidista, non por defender e procurar melloras para a cidadanía».