Os comerciantes de Vilagarcía poderán recibir formación dixital para os seus negocios
VILAGARCÍA DE AROUSA
A primeira das nove xornadas formativas celebrarase este mércores e arrinca con 18 inscritos
17 sep 2024 . Actualizado a las 20:20 h.A Concellería de Promoción Económica do Concello de Vilagarcía pon en marcha a partir deste mércores o programa «Dixitaliza Vilagarcía», destinado a revitalizar o pequeno comercio local avanzando no proceso de dixitalización e aplicación das novas tecnoloxías. Coa participación de 18 comerciantes e praceiros da localidade, o ciclo ábrese coa celebración da primeira das nove xornadas para asesorar aos comerciantes e darlles apoio á implementación das ferramentas dixitais nos seus establecementos. En cada xornada realizaranse dúas sesións, unha para os comerciantes inscritos e outra aberta a todos aqueles interesados.
A actividade inaugural leva por título «Coñece a túa audiencia» e terá como obxectivo identificar e comprender ao público obxectivo de cada negocio para optimizar a súa presenza nos diferentes canais dixitais. Esta xornada dividirase nunha primeira sesión dirixida aos comerciantes do mercado público municipal e celebrarase nas instalacións da praza de abastos de 16.30 a 17.30 horas; e nunha segunda, aberta a todos os comercios da cidade, terá lugar nas dependencias da firma Craftium (rúa Duras 7) de 20.30 a 21.30 horas.
A concellería que dirixe Álvaro Carou organiza o programa «Dixitaliza Vilagarcía» no marco do proxecto «Vilagarcía Viva», que se financia nun 80 % cos fondos europeos Next Generation a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.