Os vilagarciáns Os Imperfectos dan o salto á escena musical co álbum «Supernova»
VILAGARCÍA DE AROUSA
A carrilexa Carla Rivas protagoniza o videoclip «Hai Algo Máxico»
03 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Os Imperfectos son unha banda de Vilagarcía de Arousa composta por Juan Carballo (poeta e voz), Álvaro Cardalda (teclados e voz) e Pedro Falcón (guitarras). A agrupación presenta, na actualidade, o lanzamento de Supernova, que supón á saída a luz do primeiro álbum composto, gravado e producido por eles.
Despois de tocar xuntos nas xiras do último álbum de Juan Carballo, os tres integrantes decidiron facer unha pausa no 2021 para poder compoñer e converterse nun proxecto estable. É aí onde nace Os Imperfectos.
Para a gravación desta nova canción (e tamén para as presentacións en directo), Os Imperfectos contaron con músicos de sesión como Pepe Santamaría na batería e Rubén Iglesias no baixo.
Primeira canción
A primeira canción do álbum en ver a luz foi Hai Algo Máxico, dispoñible en todas as plataformas dixitais dende o venres. «Este 2024/25 será un ano moi importante para nós, temos moita gaña de que o álbum vexa a luz e agardamos que a nosa particular aposta pola música e poesía en galego chegue ás mellores salas e festivais do país», comentan os compoñentes. O álbum debut dos Imperfectos está composto por oito cancións que serán publicadas, unha a unha, en todas as plataformas dixitais (como Spotify, YouTube ou Apple Music) durante os próximos meses. O curso que dá comezo en breves estará cargado de videoclips, visualizers e cancións desta particular formación vilagarciá. O seu primeiro disco foi feito a man e entre amigos e compañeiros, ademais de grandes profesionais. A composición, a produción e os arranxos correron a cargo dos tres integrantes e o disco foi gravado, mesturado e masterizado no estudo A Casiña.
A carrilexa Carla Rivas, unha das principais actrices de O Corno, encarna en Hai Algo Máxico a unha rapaza afogada pola súa rutina ata que algo máxico lle acontece. O videoclip está dirixido e producido por Diego Falcón, profesional audiovisual a cargo do proxecto ARDE.