Cambados organiza obradoiros para que persoas maiores taballen a memoria e a psicomotricidade

Raquel Cocaño, B.C. CAMBADOS / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

O proxecto, titulado Cont-Ando, dará comezo en outubro e incluirá andainas culturais

02 sep 2024 . Actualizado a las 15:10 h.

Dende a primeira semana de outubro, a concellería de Ensino, Cultura e Patrimonio de Cambados porá en marcha, en colaboración con Cruz Vermella no Salnés, un novo proxecto de estimulación cognitiva para persoas maiores que leva por nome Cont-Ando. Trátase duns obradoiros baseados en contos e lendas populares que, como novidade, incluirán, sempre que o tempo o permita, andainas culturais polos arredores, traballando a memoria e a psicomotricidade.

Para comezar, levaranse a cabo un trimestre, de outubro a decembro, con opción a continuar máis tempo. Faranse na biblioteca municipal Luís Rei e nas casas de cultura das parroquias de Castrelo e Oubiña (e no seguinte trimestre, de xaneiro a marzo, faranse en Corvillón e Vilariño). Ofértanse en total cinco accións formativas para un máximo de 15 persoas por grupo, en horario de mañá, de 10 a 11.15 horas: os luns, martes e mércores terán lugar na bilblioteca municipal Luís Rei; os martes, na casa de cultura de Castrelo; e os mércores na casa de cultura de Oubiña.

Ditos obradoiros son gratuítos ata cubrir as prazas, e para poder levarse a cabo é preciso un mínimo de 7 participantes por grupo. O público obxectivo destas accións son persoas maiores de 65 anos, aínda que poderán valorarse outros perfís que estean interesados.

A través destas actividades semanais, dende o concello de Cambados pretenden dar a opción ás persoas maiores de estar en compañía, á vez que realizan actividades de animación á lectura e xogos lúdicos memorísticos.

A inscrición poderá realizarse a través da biblioteca municipal (teléfono 986 520 008) ou no correo electrónico inscricions@cambados.es do 2 ao 23 de setembro.