David Castro: «O PSOE ten que respectar as maiorías e debe decidir se quere traballar pola xente do Salnés»

Raquel Cocaño / B.C. CAMBADOS / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Unha imaxe do pleno da mancomunidade
Unha imaxe do pleno da mancomunidade Martina Miser

O presidente da mancomuniade cualifica de «pataleta infantil» as últimas accións do PSOE

12 ago 2024 . Actualizado a las 15:44 h.

O presidente da Mancomunidade do Salnés e alcalde de Ribadumia, o popular David Castro, lamentou a actitude do PSOE comarcal pola súa ausencia ás comisións executivas da entidade «co obxectivo de tentar bloquear o seu funcionamento» e convidounos a «respectar as maiorías, tamén cando non as teñan eles, e a decidir se queren traballar pola xente do Salnés desde esta agrupación de concellos ou a seguir cos atrancos»

O máximo responsable do ente comarcal fixo estas valoracións logo de que os alcaldes do PSOE boicoteasen a semana pasada a comisión executiva previa ao pleno do xoves o cal David Castro cualificou de «pataleta infantil impropia de alcaldes e representantes públicos» o seu intento de rebentar a toma de decisións na mancomunidade provocando a falta de cuórum na comisión executiva e pediulles que reconsideren esta postura, porque, advertíulles, «a entidade vai seguir adiante e vai desenvolver os moitos proxectos que temos en marcha da man do pleno, onde hai unha maioría absoluta artellada en torno ao Partido Popular, e amparados polas moitas posibilidades que ofrecen os estatutos».

«Pensar que a mancomunidade non vai funcionar e vai quedar bloqueada, co conseguinte prexuízo para os 110.000 veciños do Salnés, simplemente porque os alcaldes do PSOE teñen un berrinche porque perderon a maioría na entidade pola súa absoluta incompetencia, pois supón que se cren máis importantes do que realmente son e que o único obxectivo que teñen é mirarse o seu propio embigo», manifestou o presidente, que quixo lembrar que os socialistas só gobernaron catro dos máis de 30 anos da historia desta entidade e os principais fitos e a consolidación dos grandes proxectos viñeron da man do PP «polo que non imos aceptar leccións neste sentido», reafirmou Castro.

David Castro tamén se referiu ás acusación de que o PP trataba de alterar os equilibrios na mancomunidade sinalando «non foi o PP quen modificou os equilibrios e as maiorías, senón o pleno que, soberanamente e por maioría, decidiu que o tempo do PSOE estaba finalizado e que había que abrir unha nova etapa». Neste senso, preguntoulles se a conformación de maiorías en torno a un partido «só lles serven aos socialistas cando lles benefician?» e cuestionoulles «se os demais partidos non podemos facer o mesmo e temos que poñerlles unha alfombra vermella para que tamén gobernen cando perden as eleccións, porque quero lembrarlles que teñen case 8.000 votos menos que o PP no Salnés».

Finalmente, o presidente comarcal lamentou a postura e a política que están a desenvolver os socialistas na comarca e na comunidade autónoma, visibilizada neste derradeiro momento no intento de bloqueo da comisión executiva da mancomunidade: «O PSOE está en barrena en Galicia e no Salnés, tal e como vimos, e reflicten os datos coa perda da Deputación no 2023 e co pésimo resultado nas autonómicas do 2024, e ademais seguen por este camiño cara a irrelevancia, así que, cambien de rumbo e traballen pola e para a xente, porque esta política de belixerancia e confrontación lles serverá nalgún outro sitio de España, pero aquí, no Salnés e en Galicia, van completamente de costas ao que quere e necesita a nosa xente».