A nova biblioteca de Vilagarcía acolle unha mostra que inclúe manuscritos de Villalta

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

As fillas do editor Francisco Pillado, unha delas residente na capital arousá, cederon diverso material que se poderá ver ata finais deste mes de maio

19 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

«Unha muller moi comprometida con sermos muller, con sermos galega. Unha muller exquisita, moi culta». Así describía onte Ana Pillado, unha das fillas do editor Francisco Pillado, á Luísa Villalta, a autora á que este ano se lle dedicou o Día das Letras. Para descubrir todas as súas facetas —poeta, dramaturga, ensaísta, columnista, música...— os actos na súa honra non deben quedar limitados ao 17 de maio, dixo. En Vilagarcía haberá, cando menos ata finais de mes, a oportunidade de asomarse á súa obra e á súa personalidade a través dunha exposición que onte se inaugurou nas instalacións da nova biblioteca municipal. Trátase dunha mostra realmente especial, para a que a familia do editor Francisco Pillado ten realizado unha cesión temporal de libros, manuscritos e mecanoescritos da autora. Ana Pillado, profesora no IES do Carril, veciña dende hai anos de Vilagarcía e usuaria frecuente da biblioteca, explicaba onte que para ela a apertura da mostra era moi especial. Primeiro, pola súa vinculación coa cidade e coas instalacións nas que está a mostra. Pola outra, porque o 18 de maio «era o aniversario do meu pai, cumpriría 83 anos». E para el, a exposición tería sido un magnífico agasallo.

«A mostra vén reflectir a intensa relación entre Francisco Pillado e Luísa Villalta. Unha relación de amizade, pero moi fecunda tamén no plano artístico. Enseguida se decatou do inmenso talento de Luísa e animou a que ela publicase, primeiro nos Cadernos da Escola Dramática Galega, que dirixía; logo en Edicións Laiovento que tamén dirixía e facilitou que Isaac Díaz Pardo publicase o primeiro poemario de Luísa, Música reservada».

O material cedido, e que xa se pode ver na biblioteca, son primeiras edicións asinadas e dedicadas pola autora. Hai manuscritos asinados, mecanoescritos... E mesmo un exemplar do libro xoia publicado polo Consello da Cultura Galega co gallo deste último 17 de maio, e no que as ilustracións correron por conta de Ana Pillado.

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, quixo manifestar o agradecemento do Concello de Vilagarcía á familia Pillado pola cesión de todos estes materiais. Ao seu xuízo, non hai mellor agasallo para unha biblioteca como a da rúa Castelao, que acaba de iniciar o seu camiño, que unha mostra da calidade desta.