David e Laura, a parella de culturistas arousáns que conquistan o Amix Classic mentres tratan de sacar adiante o seu negocio de hostalería

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

CEDIDA

Tras dez anos xuntos, comparten desde hai ben pouco a paixón por unha disciplina que condiciona as 24 horas dun día a día no que practicamente non se perden de vista

29 nov 2023 . Actualizado a las 13:31 h.

A de David García Insua e Laura de la Torre Ramos é «unha historia moi longa», dinnos. Da Illa de Arousa el, de Fuerteventura ela, coñecéronse con 16 anos, cando Laura mudou a súa vida a Pontevedra. Hoxe, con 27 primaveras cada un, a súa relación non fixo máis ca engadir nó sobre nó, probando ser unha parella fóra do común. Porque ao contrario do que acontece coas relacións de tantas medias laranxas desgaxadas, a rutina e o aumento do tempo xuntos non fixeron máis ca unir a David e a Laura, a todos os niveis. Pasando practicamente as 24 horas do día o un a carón do outro co traxe de faena. O que usan na súa preparación coma culturistas e o que comparten á fronte de Me Latte, a cafetería a carón da estación de tren de Vilagarcía de Arousa, onde residen, e coa que no mes de marzo pechaban o círculo poñendo punto final ás súas traxectorias laborais por separado para ser tamén no traballo moito máis ca amigos. E polo de agora, a cousa está a resultarlles francamente ben: «Vivimos juntos, trabajamos juntos, competimos juntos y no discutimos nada».

O plan de vida dos dous arousáns recibía este mes o que algún podería interpretar como ese sinal divino que indica se estás acertando ou non co camiño seguido. En Torrevieja, Alicante, Laura e David compartían a alegría de poder abrazar a un novo campión da Amix Classic da asociación de culturismo IFBB. Ela, na categoría bikini. El, na de Men’s Physic. E os dous, ademais, elixidos polo xurado como campións absolutos feminina e masculino, isto é, os mellores entre o mellor de cada unha das categorías por xénero en lid. Era a estrea de Laura en competición.

Antes de practicar culturismo, David déralle ao piragüismo, ao atletismo e ao rugbi. No 2020, inda en categoría júnior, entrou pola porta grande na súa actual disciplina gañando un Mister Olimpia Amateur, tamén no cadro de Men’s Physic, recorda. O seu preparador reparou en que Laura dispoñía das características idóneas para poder triunfar tamén no culturismo, e no 2021 a canaria afincada en Galicia animouse a volver practicar deporte con vistas á posibilidade de competir.

E é que, o que son as cousas da vida, a que hoxe é campioa culturista foi no seu día unha gran promesa do golf: «Desde los 5 a los 15 años jugué al golf. Entrenaba 4 horas al día. Gané campeonatos internacionales en Miami y un par de ellos en Marbella». De feito, hoxe o seu irmán pequeno, Jesús, é golfista profesional e traballa no maior campo de Inglaterra. Chegada á adolescencia «el golf no me resultaba ya tan entretenido», di. Pádel, tenis e fútbol foron as sucesivas alternativas nas que Laura buscou canalizar a súa pulsión deportiva. Ata que «rompí una rodilla y me pasé tres años sin hacer nada», recorda. Hoxe volve desfrutar co culturismo xa non só coma deporte, senón coma toda unha forma diferente de vida.

«Es algo que te envuelve»

«Más que un deporte, es un ritmo de vida que tienes que llevar desde que te levantas hasta que te acuestas», conta Laura de la Torre, que o relata así: «Despertarse siempre temprano, a las 5-6 de la mañana, hacer tu cardio en ayunas, 5-7 comidas al día y prepararlas antes de ir a trabajar. Tienes que controlar desde los litros de agua a los granos de sal que consumes y un descanso mínimo, de 7-8 horas» máis aló das 2,5 horas de adestramento con pesas e de cardio cada día. Iso por activa. Porque por pasiva «no se permite salir de fiesta ni tomar alcohol». E así, todos os días da semana. «Es algo que te envuelve. Tienes que cambiar tu ritmo de vida y llevarlo a rajatabla», apunta Laura, que comparte coa súa parella a preparación do adestrador persoal vigués Borja Martínez, referente internacional no culturismo amateur.

E que os leva a asumir este estilo de vida espartano? «O que nos atrae é poder superarnos a nós mesmos. Poder levarte ao límite e ver onde podes chegar, medirte a outras persoas e ver que o deixaches todo», sinala David. Unha motivación reforzada este mes non só polo dobre título nacional conquistado pola parella. Tamén, días despois, polo segundo posto dela e polo sexto del no Romanía Muscle Fest Pro-Am, proba da IFBB Professional League, disputado en Bucarest.

MONICA IRAGO

Con estes resultados, e vendo como compartir deporte e estilo de vida fortalece a súa unión, David e Laura declaran que «temos claro que queremos repetir» o vindeiro ano, polo que se darán o descanso xusto para volver en xaneiro a prepararse a fondo. Mentres, man con man, seguen tirando do carro de Me Latte, a razón pola que Laura decidiu poñer fin á súa propia perruquería e David a unha incipiente carreira coma cantante de orquestra para compartir desde o pasado marzo unha nova mostra da máxima confianza mutua entrelazando tamén as súas traxectorias laborais nun proxecto común. Os comezos están a ser duros, pero a parella di que «se leva ben» porque é só cousa deles dous.