Joam Berride: luz e cor para a traxedia dos refuxiados

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

O pintor vilagarcián expón «Refugee Camps», once anos despois da súa anterior incursión na sala Rivas Briones

13 jun 2023 . Actualizado a las 19:52 h.

Dende as pegadas do Rei Elefante que deu título á súa anterior exposición na sala Antón Rivas Briones ata hoxe transcorreron once anos. Ao longo deste percorrido polo tempo, Joam Berride foi pulindo un estilo pictórico moi persoal, no que o tratamento da luz e a cor domina sobre calquera outra consideración. Aquel elefante reinante deixa paso aos Refugee Camps, uns campamentos de refuxiados nos que a arte plástica alíñase coa reivindicación social para denunciar a brutal situación de millóns de vítimas no planeta, forzados a abandonar as súas terras para sobreviviren en precarios asentamentos en territorios nos que o seu estado de vulnerabilidade, que por definición debera ser transitorio, acaba por cronificarse ata convertelos nunha especie de refugallos humanos aos que ninguén quere, e no mellor dos casos, son apenas tolerados coma unha molesta carga.

A nova mostra de Berride foi inaugurada onte e ficará no mellor espazo expositivo de Vilagarcía ata o 2 de xullo, así que hai marxe para poder contemplala coa calma que sempre precisa calquera motor de sensacións. O propio creador explica que a primeira obra desta longa serie naceu hai dez anos, non moito despois da súa última incursión na Rivas Briones. Un campamento de refuxiados, ao fío dun tremor de terra en China, disparou o seu pincel para reflectir unha sorte de plantación de casoupas que invita a pensar na saturación e a repetición claustrofófica do mesmo. Pode resultar paradoxal, pero a evolución que dende entón experimenta a serie remata por prescindir dese aire de fatiga, que é substituído por algo moi distinto. Unha reinterpretación con aromas impresionistas na que a luz e as tonalidades imprimen unha insospeitada viveza a escenas esquemáticas. Coma se a traxedia se vestise dunha raiola de esperanza, nun xogo de contrastes que subliñou, na súa presentación, a concelleira de Cultura, Sonia Outón. O rexedor, Alberto Varela, deu tamén ao pintor arousán a benvida, «de volta na súa casa».

Quen se achegue á Rivas Briones non atopará só os refuxiados de Joam Berride. Hai, na mostra, outras series coas que comparten un tratamento artístico semellante, coma Aprendendo a voar ou Emigrantes. Mais son os Refugee Camps os que dan alento a unha mostra que, á súa maneira, propón un xogo ao seu público. Nalgunhas das obras están presentes os símbolos das cinco principais relixións do planeta, que en demasiadas ocasións funcionan coma detonantes do drama. O pequeno reto consiste en identificalos.