Xeografías para un cavernícola urbano

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Edmundo Paz viste a Rivas Briones con «Simbiosis», once anos despois

27 abr 2023 . Actualizado a las 15:34 h.

Dos moitos xeitos de se achegar ao fenómeno da arte plástica, un tan válido e lexítimo coma calquera outro consiste en situarse fronte á obra e, simplemente, deixarse levar. Que o obxecto dispare o que teña que disparar na mente ou no peito de quen o contempla, que o faga viaxar dentro ou fóra de si. Tanto o comisario da exposición, o crítico Ramón Rozas, coma Alberto Avendaño, xornalista e poeta (velaí aquel rachador colectivo Rompente) felizmente instalado en Vilagarcía, empregan o concepto de xeografía para se referir ao traballo que Edmundo Paz amosa na sala Antón Rivas Briones ata o 7 de maio. Ambos asinan no catálogo da mostra dous textos particularmente acaídos á hora de preparar o apetito estético para esta excursión guiada polos mapas que propón o pintor.

Hai once anos xa de Recreaciones, a última mostra que o creador nado no Brasil pendurou na Rivas Briones, e 17 dende a súa primeira incursión en Vilagarcía, daquela na sala do auditorio. Estas xeografías que narran Avendaño e Rozas preséntanse baixo o nome xenérico de Simbiosis. E abofé que o título está ben traído, porque a meirande parte das obras, de recente creación, fan que a pintura medre sobre soportes tan alleos ao que se entende por arte culta coma poden ser unhas onduladas superficies tipo uralita, ou unhas sinxelas bolsas de papel, desas con feitura de supermercado.

A sobresaínte pel pictórica que recobre tan prosaicos materiais lembra, por momentos, os riscos que homes e mulleres coma nós trazaron nas entrañas da terra, nas paredes de pedra daqueles templos telúricos que hoxe denominamos cavernas. Alguén mencionouno onte, na primeira visita guiada á exposición, na que participaron o alcalde, Alberto Varela, e Sonia Outón, a concelleira de Cultura. Coma un moderno cavernícola urbano, Edmundo Paz é quen de subverter en arte as uralitas deses pequenos templos domésticos que non deixan de ser os galpóns, ou as bolsas desoutra igrexa colectiva do gran consumo que son os supermercados. Ben feito.

ADRIÁN BAÚLDE

Sorpresa. «Simbiosis» fai medrar a pintura sobre bolsas de papel e superficies onduladas cun trazo suave, rápido e evocador, cargado de cromaticidade. O propio autor invita ao público a se mergullar na obra sen présa, facilitando a meditación. Tamén gabou o compromiso de Concello de Vilagarcía coa arte, e algo tan importante coma que continúe a editar catálogos de cada mostra.