O PSOE fai balance do impacto dos fondos europeos na comarca do Salnés

La Voz VILAGARCÍA

VILAGARCÍA DE AROUSA

O eurodeputado Nicolás González reuniuse cos candidatos da Illa, Meis, Vilanova e Sanxenxo

19 mar 2023 . Actualizado a las 14:00 h.

O PSOE pon cifras ao impacto económico que están tendo na comarca do Salnés os fondos Next Generation que está canalizando a Deputación de Pontevedra. De dar conta delas encargouse o eurodeputado Nicolás González, que vén de reunirse cos candidatos ás alcaldías da Illa, Meis Vilanova e Sanxenxo nun encontro no que dou conta dos investimentos feitos o dos que están por vir, caso da instalación de calefacción por xeotermia nas casas modernistas da Illa.

A comarca recibiu 4.873.531 euros nos últimos anos de fondos europeos para actuacións de iluminación sostible de espazos públicos e monumentos declarados BIC, instalación de placas fotovoltaicas e aerotermia en edificios públicos, así como fondos para a adaptación do punto limpo de Vilagarcía á recollida de residuos eléctricos e electrónicos. Nesta relación tamén están as achegas realizadas por Europa ás obras de mobilidade sostible nas estradas provinciais da Illa (avenida de Castelao), Cobas-Padrenda (Meaño) e A Lanzada (Sanxenxo).

A Arousa están tamén a piques de chegar os Plans de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD), concedidos polo Goberno de España. A Vilagarcía asignáronse 2.4090.852 euros; á Mancomunidade do Salnés, 2.116.000 euros e ao Concello de Sanxenxo outros dous millóns de euros. Ademais, Vilagarcía está desenvolvendo os proxectos correspondentes aos 5 millóns de euros do programa de desenvolvemento urbano sustentable (EDUSI) e a Sanxenxo chegarán, ademais, outros 1,4 millóns de euros do plan PIREP (rehabilitación de edificios públicos). Tamén hai fondos vinculados aos Bens de Interese Cultural para as Torres de Oeste de Catoira ou a adecuación do faro de Sálvora e Rúa, segundo informa o PSOE.

Programas como Commerce Inside ou da Túa Man dirixidos a potenciar o comercio local, o plan ÚNICO de Banda Ancha e o Kit Digital tamén están a beneficiar a economía do Salnés.