A muller que ía para matrona e acabou sendo o que quería ser nos 70, torneira

VILAGARCÍA DE AROUSA

María Dorinda Lorenzo Maneiro, Dori, anima as rapazas a apostar por traballar nunha profesión que a fixo feliz, e que acabou compaxinando coa xerencia da empresa que montara seu pai
09 mar 2023 . Actualizado a las 08:49 h.«Meu pai tiña metido na cabeza que fora matrona. Debía de ser porque daquela as mulleres daban a luz na casa». María Dorinda Lorenzo Maneiro, Dori, tivo tres fillos, pero nunca chegou asistir nun parto. Desde moi nova soubo o que quería facer na vida, e esa convicción resultou decisiva para que hoxe, a un mes de cumprir os 67 anos, fale da súa vida de torneira co acento de quen conta unha historia feliz que, confía, anime a máis mulleres a dedicarse a un deses traballos tan equivocadamente asociados ao sexo masculino. Unha ocupación na que se iniciou nos anos 70 do século XX e que durante 44 anos, ata a súa xubilación completa no 2022, fixo inmensamente feliz a Dori. Ata o punto de negarse a deixala cando lle tocou relevar o seu pai, José Lorenzo Goldar, á fronte da xerencia do taller de mecanizado e de caldeirería que co tempo medrou ata converterse en Meycatec, con naves en Bamio (Vilagarcía de Arousa) e Catoira.
O de Dori foi un daqueles moitos pais de clase obreira que no final do Franquismo se deixaron a pel por ver os seus fillos triunfar na vida grazas a unha boa educación, á que eles nin puideron soñar con ter acceso. Tras traballar por conta allea en talleres de Vigo, de Vilagarcía ou de Silleda, José montou en 1970 un pequeno negocio de torneiro no barrio de San Roque, de volta na capital arousá. E con el pagaba a formación da súa rapaza no Colexio San Francisco. «Meteume con toda a súa boa intención, pero non era moi obrigada», di Dori. A ela o que lle gustaba era o que vía ao saír da escola no taller do seu pai: «Andaba por alí, vía traballar os rapaces que estaban con el aprendendo o oficio e fixábame no que facían». E en canto detectou a oportunidade, non a desaproveitou.
«Un deses rapaces tivo que ir á mili», recorda Dori, e entón, con 16 anos: «Díxenlle a meu pai ‘Eu sei facer iso’. El contestoume de primeiras ‘Que vas saber ti?’. Pero ao pouco tempo deuse de conta de que era o meu, e ‘Se ela naceu para isto’» el non llo ía impedir.
Foi así como José gañou á operaria que todo empresario desexaría ter. Unha profesional que, despois de case 50 anos manexando un torno, segue falando do seu oficio como «unha cousa que sempre me entusiasmou». Mesmo tras vivir situacións que poderían facer vacilar ata a vocación máis sólida dalguén novo: «Algún home que vía que eu lle ía facer a peza desconfiaba por ver a unha chica facer o traballo». Porque daquela, nos anos 70 do século XX, ver unha muller traballando como obreira no sector do metal era una rareza como o segue a ser no 2023, pero nunha sociedade moito máis machista. «Aos comerciais que viñan ao noso taller, os viaxantes, chamáballes a atención verme no torno. Algún que viña de Vigo dicía que por aló había outra torneira. Non sei de ningunha outra muller máis que traballara no meu naquela época», conta Dori.
«A verdade», apunta a traballadora do metal, «é que tamén tiven compañeiros que me axudaban» á marxe de saberse ante a filla do xefe. Homes que a fixeron sentir entre iguais, con detalles tan mundanos e compartidos entre xente que se sinte cómoda traballando con outra xente como aqueles «piques a ver quen acababa antes» de facer algunha peza.
Unha familia co metal dentro
Pero sobre todo, o que fai de Dori falar con esa ilusión na voz dos seus longos anos de carreira profesional é a paixón por aquilo que quixo ser, e foi: «O traballo de torneira é unha cousa bonita. Cando te pos a facer unha peza, sénteste ben. É un traballo moi creativo. Pensa que empezas cun redondo, cun cacho de ferro macizo, de 50, e cando terminas podes ter entre as mans un prato, un floreiro, un trompo... calquera cousa. E a cada cousa que estás facendo vela. Por iso é tan bonito. E por iso eu saía do traballo contenta e realizada». Non estraña, pois, que a vilagarciá sempre preferise o traballo manual no seu torno ao da administración da empresa que lle tocou realizar en paralelo durante 20 anos, ata que un dos seus tres fillos, Óliver, lle deu o relevo na xerencia. Os outros dous tamén traballan no sector, un na cúpula de Thune Eureka, e o restante, tamén enxeñeiro, como xefe de obras dunha empresa en Madrid. «Na familia levamos o metal dentro», sentencia a matriarca.
Dori non o dubida, e sabe do que fala: «A de torneiro é unha profesión bonita que pode facer calquera. Eu animo a calquera muller a que o intente. Non entendo por que non hai máis mulleres torneiras. Gustaríame que contar a miña historia sirva para que máis mulleres se animen a traballar no torno». E dalles unha razón máis para facelo: falta moita man de obra nunha profesión sen xénero.