Dobre desprazamento dun Cortegada sen as súas bases

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

O cadro vilagarcián xoga hoxe ante o HGB Ausarta Barakaldo e o domingo fronte ao líder, o Tirso Incentro

04 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O Mariscos Antón Cortegada partía a primeira hora desta mañá cara Barakaldo, onde esta tarde, desde as sete e media, se medirá ao HGB Ausarta, noveno clasificado un posto por debaixo e cunha vitoria menos có cadro vilagarciano, en partido correspondente á vixésimo primeira xornada da LF2. Pouco menos de medio día despois, mañá domingo a partir das 12 horas, o conxunto que dirixe Javi Nogueira afrontará a inda máis difícil papeleta de superar a domicilio o líder da competición, o Tirso Incentro de Santander. Este segundo compromiso, da derradeira xornada da primeira volta, adiado de mutuo acordo entre ambos os dous equipos respecto á súa data de partida, o 7 de xaneiro.

Á dureza do desprazamento e dos rivais, o Cortegada suma o lastre anímico de chegar encadeando catro derrotas e o atranco que supón xogar sen as súas dúas bases, Sara Gómez, no dique seco por problemas na planta dun pé, e Sara Corredoira, esta última, con molestias nos isquiotibiais dunha perna.