O Mariscos Antón volve encomendarse a Mercy

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Javi Nogueira recupera a MVP da Liga para medirse na mañá do domingo o Magectías

04 feb 2023 . Actualizado a las 19:25 h.

E mes e medio despois, Mercy Wanyama puido volver adestrarse coas súas compañeiras do Mariscos Antón Cortegada. A pívot keniana reincorporouse o pasado xoves ás filas do conxunto vilagarcián tras poñer fin a un longo mes de trámites burocráticos para conseguir o visado co que poder regresar a España. Fíxoo xusto a tempo de evitar o que tería sido o cuarto partido do equipo arousán sen o concurso da MVP da Liga. O que este domingo, desde as 12.30 horas no Pavillón Municipal de Fontecarmoa, o enfronta ao Magectías de Lanzarote.

Mercy chega ao encontro con tan só tres sesións de traballo coas súas compañeiras. A última, na mañá do sábado. O seu adestrador, Javi Nogueira, comenta que lle falta ritmo, como resulta lóxico, e que a viu «algo dispersilla» na táctica do xogo en estático. Con todo, amósase encantado de dispoñer de novo da súa xogadora franquicia. En primeiro lugar, pola «inyección anímica» que a súa volta lles proporcionou ás súas compañeiras: «Mercy es el corazón de este equipo, la fortaleza, el muro; nuestra fuerza interior», manifesta o técnico do Cortegada, que salienta a importancia de recuperar a keniana logo de tres partidos nos que Carla García, unha aleiro, tivo que facer parella con Ángela Coello para cubrir o flanco interior do cadro vilagarcián. Unha solución de emerxencia debida tamén á baixa, para o resto da temporada, de Andrea Ríos, coa que o equipo asinou dúas derrotas, contra o frouxo Maristas Coruña (58-54) e o Costa de Almería (63-49), e unha vitoria, ante o Bosonit Unibasket (55-50), rival directo polos postos de fase de ascenso como o Costa de Almería.

Javi Nogueira agarda poder sacar bo proveito do concurso de Mercy Wanyama antes de vela marchar novamente, o luns, para non regresar ata o día 19 ao competir coa súa selección nacional nunha ventá de clasificación para o Afrobásket. Antes de perderse o partido, aprazado no seu día, co Tirso Incentro en Santander, Mercy ten a posibilidade de axudar o Cortegada fronte ao Magectías. Décimo na clasificación, o cadro de Lanzarote está a tiro de dúas vitorias do seu anfitrión, ao que derrotou na primeira volta 55-51 con xogo moi lento que non lle convén nada ás de Javi Nogueira.