«Que vén o coco!», o bestiario dos seres fantásticos que habitan nos recunchos de Vilagarcía

Serxio González Souto
s. gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

LIBRO CARLOS REY

Carlos Rey reúne nun pequeno e magnífico caderno doce animais mitolóxicos do imaxinario popular arousán

28 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Algúns dos vellos folcloristas concibían os contos sobre seres fantásticos que os seus informantes lles relataban como farelas de antigas mitoloxías, restos do naufraxio de sistemas enteiros de crenzas perdidos no tempo. En realidade, trasnos, olláparos, lobishomes ou cocas, por citar só un pequeno feixe dos moitos habitantes da tradición popular galega, existen no imaxinario colectivo e cumpren unha función. No caso que nos ocupa, a de protexer os pícaros dos perigos que pode encerrar a noite ou verse sós no momento que menos convén. Coñecido pola súa faciana musical, fundador, entre outros, dos Terribles de Arousa, Carlos Rey Cebral é un activo etnógrafo. Dunha gripe que o pechou na súa habitación unha semana xorde agora o caderno dunha viaxe moi especial. Que vén o coco! é un bestiario que escolma unha ducia de personaxes de lenda cos que nais, pais, avós e avoas de Vilagarcía arrepiaban os pequenos para que obedecesen, fosen durmir e non se afastasen de máis durante as súas aventuras infantís.

MONICA IRAGO

O libriño vén de ser presentado na sé do Faiado da Memoria, na praza de Ravella, coa colaboración de Beatriz Comendador, «doutora en Arqueoloxía e a mellor especialista en metalurxia prehistórica de Europa», segundo subliña o autor. Ela é quen asina o limiar dun bestiario que se fai posible grazas ao patrocinio de Ramiro Carregal. Nas súas páxinas, o lector atopará a Coca, a serpe-dragón que habitaba a mesma fonte á que deu nome na Laxe. O célebre Urco, o can do demo que xorde do mar nas noites de brétema e treboada. O Unto, arrepiante ser que percorre as augas do Ulla, na zona dos Lombos, na procura de pequenos que poder chuchar. Ou a Turca, enorme araña con rostro humano que papa as súas vítimas aos poucos: esta noite unha orella, mañá un dedo.

Os doce proceden das descricións que a Carlos lle debullaron varios informantes vilagarciáns. Están acompañados polos cadanseus debuxos sobre o papel cadriculado do seu caderno de traballo. Algúns deles, trazados polos mesmos relatores. Quen desexe un exemplar, pode acoder ao Faiado da Memoria. Paga a pena.

Dous exemplos

LIBRO CARLOS REY

  • A Coca da Laxe. Unha serpe con cabeza de dragón. Vive na fonte do paseo do Con. Os veciños recorreron a unha baralleira de Caldas, moi coñecida, de alcume A Cona Fina. O seu feitizo funcionou e desapareceu. Informou Áurea (1977).

LIBRO CARLOS REY

  • O Urco. Un can negro, de boca inmensa chea de dentes. Procede da banda do mar e abátese sobre a zona de Carril nas noites de treboada. Nalgúns outros lugares da Galicia litoral denomínase Can do Demo. Informou Concepción Castromán (1981).