As preguntas incómodas de «O incidente»

Xabier Marqués A PELÍCULA DE ÁGORA

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

O filme proxectarase esta noite no Salón García

25 ene 2023 . Actualizado a las 13:59 h.

Nova Iorque. 1964. Kitty Genovese, unha muller de 28 anos, é apuñalada por un descoñecido perto da súa casa en Queens. Supostamente, varias persoas viron ou escoitaron o feito pero non fixeron nada para defendela. Dúas semanas despois, o New York Times publicou un artigo titulado «As 38 persoas que viron un asesinato e non chamaron á policía». O artigo provocou a ira dos lectores estadounidenses e converteu o caso de Genovese no paradigma da hipocresía social e a insensibilidade dos norteamericanosante ante a violencia inherente na súa sociedade.

O guionista Nicholas E. Baehr e o director Larry Pearce, fascinados polas implicacións sociais e morais do caso, realizan primeiro unha TV movie e posteriormente unha película baseados libremente no mesmo sueso, chamada O Incidente. No filme, delincuentes recén saídos do cárcere asesinan a un home despois de roubarlle o escaso diñeiro que levaba. A continuación, escapan do lugar subíndose a un vagón de metro .Durante dúas horas adicaranse a aterrorizar ós pasaxeiros do vagón dando lugar a unha serie de situacións de violencia e tensión extremas que rematarán de xeito abrupto.

Como se fose unha especie de reverso turbio de A Dilixencia, (John Ford, 1939), a película narra a viaxe de varias persoas dentro dun espazo pechado no que nos amosa un desolador estudo psicolóxico de persoaxes, impotentes ante a violencia e deshumanización das grandes urbes. Os profundos cambios sociais, o racismo, a frustración das expectativas do American way of life están sempe presentes nesta pesimista radiografía da sociedade norteamericana dos anos setenta.

Nese microcosmos social que viaxa no vagón de metro están representados certos arquetipos incómodos para o espectador medio da época: homosexuais, unha parella de color claramente discriminada, delincuentes, matrimonios de clase media insatisfeitos ante a constatación do seu fracaso... A diferencia doutros filmes semellantes, non se vislumbra unha redención final que nos reconcilie coa especie humana.

Rodada nun áspero e branco e negro en localizacións reais do Bronx neoiorquino, utilizando recursos proprios do cinema verité, o filme consegue interpelarnos a nós, os espectadores, e facernos partícipes das situacións de violencia e humillación que acontecen nese vagón fechado de xeito que nos preguntemos constantemente: que faría eu nunha situación semellante? Probablemente, a nosa resposta non nos guste demasiado.