O Arousa quere encher o domingo A Lomba ante o Fabril

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

O club fará a presentación de todos os equipos da base antes do partido polo liderado

24 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O domingo, desde as cinco da tarde no Campo Municipal da Lomba. O Arousa confirmou onte a data e hora do chamado a ser o partido de inflexión na pelexa polo ascenso directo de volta á Segunda RFEF. Diante, o Deportivo Fabril, que tras o seu tropezo antonte no feudo do Alondras (1-0), visitará Vilagarcía con tan só 2 puntos de vantaxe sobre o cadro local. Unha vitoria dos de Luisito Míguez colocaríaos, pois, primeiros en solitario no máis alto da clasificación.

Así as cousas, o presidente do Arousa, Manolo Abalo, teno claro: «Queremos encher o campo». Con que accións concretas facelo era algo que estudaba na noite de onte xunto cos integrantes da súa directiva. Pero dúas cousas tiña claras xa Abalo antes da xuntanza ao respecto.

A primeira, que o duelo co Fabril contará cun prólogo singular, o maior gancho para atraer aos centos de pais dos rapaces dos equipos da canteira arlequinada, que desfilarán pola Lomba nun acto de presentación tradicional desde hai anos, carente neste tempo dunha data fixa marcada no calendario.

A segunda cuestión clara para Abalo é que non haberá xornada de portas abertas. E a razón é sinxela: «Temos que terlle respecto ao socio» que pagou o seu carné. Sobre este punto, o presidente lembra que o club oferta un carné ao 50 % para a segunda volta.