Os xuvenís de Perú volven deixarse dous puntos no treito final

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

Tras poñerse 2-0 encaixaron o empate con dous tantos en contra en cuestión de trece minutos

22 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A historia repetiuse só unha semana despois, e o Arousa rematou o seu encontro contra un rival directo pola permanencia na División de Honra Xuvenil coa sensación de terse deixado dous puntos tras ver remontar o seu adversario no treito final do choque. Desta volta, un Roces que saíu do Municipal de Vilaxoán cun 2-2.

As reducidas dimensións do campo, froito da diáspora obrigada da Lomba, aliáronse co xogo extremadamente físico dos visitantes. O partido foi unha sucesión de corpos a corpos coa que o Roces meteu o Arousa no seu campo os primeiros 15 minutos.

Pasado este, o cadro de Perú deulle a volta a tortilla, e no derradeiro minuto da primeira parte, unha brillante e explosiva acción individual de Fer puxo o 1-0. O punta arlequinado regateou a catro defensas nun zigzag en diagonal duns 15 metros a ambos bordos da área grande para acabar a faena fusilando o porteiro rival.

O Roces subiu a intensidade na segunda parte, e estivo mellor có Arousa, ao que someteu cunha presión sobre a saída do balón. Pero Miguel Fernández estivo atento ao balón rexeitado polo poste nun remate de Fer no 70 e co 2-0 parecía sentenciar. Os trocos do técnico visitante déronlle pola contra un novo pulo ao Roces. Sobre todo a entrada de Kike, o home do partido. Apagando a euforia local no 74 coa sinatura do 2-1 de falta directa ao bordo da área. E no 87, gañando a liña de fondo nun saque de córner en curto para asistir a Vicente no 2-2.

FICHA DO PARTIDO:

AROUSA (2): Rubén, Prieto (Arón, min 65), Teo, Dani, Casalderrey, Miguel Fernández, Lucas García (Mateo García, min 82), Lucas Aguín (Abel, min 65), Memet (Víctor, min 65), Redondo (Samy Yasin, min 82) e Fer.

ROCES (2): Pascali, Aitor (Kike, min 68), Mateo, Miguel (Saúl, min 73), Guti, Mauro (Chousa, min 68), Migui, Daniel, Somiedo, Carrasco (Otero, min 60) e Jandro (Vicente, min 60). 

GOLES: 1-0, min 44: Fer. 2-0, min 70: Miguel Fernández. 2-1, min 54: Kike. 2-2, min 87: Vicente.