Luisito encontra o central que buscaba entre os xogadores AFE sen equipo

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

CEDIDA

Nacho Carús, arxentino de 23 anos, podería estrearse este domingo ante o Paiosaco

20 ene 2023 . Actualizado a las 20:44 h.

Dous meses e medio levaba o adestrador do Arousa á procura dun central co que cubrir calquera continxencia que puideran sufrir Pacheco ou Martín Sánchez. Con Campillo inda inédito na Liga por unha lesión de longa duración, Luisito salientara tras a dura derrota en Viveiro a urxencia de dispoñer dun terceiro central do que poder tirar. Este venres, a última hora da tarde, desde o club arlequinado comunicábase a contratación do arxentino Nacho Carús.

Nado en Buenos Aires, o futbolista americano desembarca na Lomba con 23 anos e despois de dúas campañas no fútbol hispano. A finais do 2020 asinaba contrato co Yagüe C.F. de La Rioja para tentar comezar a facerse un nome en España desde a Terceira RFEF. Tras militar uns meses na UD Los Barrios do grupo andaluz da mesma categoría, Carús regresou ao Yagüe CF. Cando volveu decidir moverse e xa tiña feito o seu pase ao Náxara, tamén de La Rioja, unha disposición da normativa federativa truncou a operación. A resposta de Nacho Carús foi apuntarse ás sesións de adestramento da Asociación de Futbolistas Españoles (AFE), que a entidade lles brinda a aqueles dos seus asociados sen equipo para que manteñan a forma mentres agardan unha nova oportunidade en forma de contrato.

E esa oportunidade chegoulle a Nacho Carús da man do Arousa e da súa necesidade dun central que non deu atopado antes nestes dous últimos meses e medio, tras peitear o mercado galego e posibles descartes da Segunda RFEF.

Formado no Club Ferro Carril Oeste de Arxentina, Nacho Carús defínese como «un central aguerrido en la marca, fuerte y contundente, que juega sencillo». Xusto o que, di, lle tería pedido o seu novo adestrador no Arousa.

Desde o club vilagarcián infórmase de que Nacho Carús conta xa coa licenza en vigor, polo que xa é decisión de Luisito que o defensa se estree este domingo na visita ao Paiosaco-Hierros.