Luisito: «Hai futbolistas do equipo que espero que melloren, e se o fan, o equipo vai dar outra versión»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

ADRIÁN BAÚLDE

O adestrador do Arousa amósase satisfeito e optimista tras completar a primeira volta da Liga, ao tempo que aberto a mellorar un cadro de xogadores do que di estar satisfeito

10 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Tras quince xornadas e media Liga ventilada, toca facer balance no Arousa. E o seu adestrador, Luisito, amósase satisfeito e optimista. 

—Completada a primeira volta, como valora a traxectoria do equipo? Está onde cría que ía estar?

—Se sacas a Manu Táboas, que non era titular, a Cotilla e a Julio Rey, o resto é un equipo novo respecto ao da temporada pasada. Eu ao que tiña medo é a que nos descolgaran nos primeiros dez partidos de Liga, porque as ligas pérdense nos dez primeiros partidos e gáñanse nos últimos dez. Acabamos a primeira volta a 5 puntos do líder, estamos de terceiros, cos mellores, que era polo que eu pelexaba. Independentemente diso, sabemos que o Fabril é o claro candidato a gañar a Liga, porque leva vantaxe e ten un equipazo. Ten unha remesa de futbolistas que non a temos ninguén. O Deportivo creo que ten unha oportunidade única e histórica de sacar uns futbolistas que lle van dar moitos cartos, porque son dun nivel impresionante. Nós esta temporada tivemos que baixar moito o presuposto, pero cos cartos que temos creo que fixemos un equipo moi apañado. Sabiamos que non era un equipo para arrasar en Terceira, porque, por exemplo, co Fabril e co Vilalbés a nivel económico non podemos competir. Pero temos un equipo moi competitivo, e imos pelexar polo ascenso ata o final, diso que non lle caiba dúbida a ninguén. Mais hai sete equipos que pelexamos polo mesmo obxectivo. E despois temos o inconveniente de que A Lomba é un lameiro. Temos 5-6 puntos menos polo estado do campo. Adestramos unha cousa e chega o domingo e temos que xogar a outra. Sempre lles beneficia máis aos equipos que veñen defender, e a nós prexudícanos unha barbaridade. Pero non vale de nada protestar porque sempre é a mesma historia. Aí xa non me podo meter máis. Xa bastante dixen. Hai que adaptarse a como estea o campo. É unha pena.

—Quéixase, e aí esta para velo, do pésimo estado da Lomba. Con todo, o equipo sumou máis puntos na casa, 16, ca fóra, 11…

—Si. Porque esta é unha Liga moi igualada, moi competitiva, na que che gaña calquera. Pola reestruturación do fútbol hai xogadores dun nivel impresionante que teñen que xogar na Terceira, en equipos nos que non lle gustaría xogar, pero que se non é neles non terían cabida no fútbol, de aí a tremenda igualdade que hai.

—Terceiro equipo máis goleador e tamén menos goleado do grupo. Polos números, e inda cos problemas físicos que levan lastrando a Sylla practicamente toda a Liga, diríase que o Arousa non ten problemas nas áreas…

—A min o que me preocupaba era recuperar a Sylla. Sylla e Borja levan 9 goles, pero está claro que poderían levar moitísimos máis. Borja creo que tivo tres ou catro tiros á madeira, e Sylla tivo moitísimos problemas, e para nós é un futbolista determinante.

—A comezos de novembro, tras a dura derrota en Viveiro, reclamou reforzos para poder ter opcións de pelexar o título e o ascenso. O presidente dixo que ten carta branca para fichar. Cal é a prioridade e como van as xestións?

—O cadro de xogadores fíxeno eu e estou encantado con el. Agora, Campillo tivo unha lesión de gravidade, e o problema é se se me lesiona algún dos outros dous centrais. A prioridade absoluta é buscar un central. Os futbolistas que asinei son moi bos futbolistas, pero que pasa? Que eu espero a mellor versión de Brais Pedreira, que estivo lesionado practicamente toda a primeira volta, espero a mellor versión de Fajardo, que de momento non apareceu porque tamén estivo lesionado; espero a mellor versión de moitos futbolistas. Abel Suárez, cada vez que xoga na casa, sofre moito, pásao moi mal, porque o fútbol del non se adapta nada ás condicións da Lomba. E eu espero que eses futbolistas melloren. E se son quen de mellorar, o equipo vai dar outra versión. Pero eu estou encantado con eles, porque son uns profesionais íntegros, responden a un nivel de esixencia máximo. Pero nós temos que dar o 200 % para poder competir cos mellores. Se a min me aparece un futbolista de Segunda RFEF que é mellor ou igual ao que teño, e se adapta ás condicións económicas do club, eu non vou ser parvo.