Proba de lume para o Arousa na súa primeira comparecencia do ano

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Imagen de archivo del partido de Liga entre el Arousa y el Rápido de Bouzas el pasado 29 de octubre
Imagen de archivo del partido de Liga entre el Arousa y el Rápido de Bouzas el pasado 29 de octubre Martina Miser

Os de Luisito pelexan o segundo posto co Vilalbés nunha Lomba en mal estado

08 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A Liga de Terceira Federación pecha hoxe a súa primeira volta estreando o cambio de ano. Logo de dúas semanas de parón competitivo, o Arousa ten ante si unha proba de lume no camiño cara o seu pretendido regreso exprés á Segunda Federación. Desde as cinco da tarde, na Lomba, os homes de Luisito, terceiros na táboa clasificatoria, buscan desbancar o Rácing Vilalbés dun segundo posto que luciu durante todo o Nadal cun só punto máis co seu hoxe anfitrión e dous por debaixo do líder, o Deportivo Fabril.

Recibe o Arousa o mellor conxunto visitante do grupo. Un equipo que fóra da casa gañou catro dos sus sete partidos, empatou dous e encaixou, certo é, a que ata hoxe é a súa única derrota desde o inicio da temporada. Un tropezo que se remonta nada menos que á segunda xornada de Liga, cun 2-0 a mans do modesto Arzúa.

Pendentes de ver como lle sentou o parón polas festas, o Rácing Vilalbés visita Vilagarcía necesitado de pechar a crise de resultados que, para un aspirante ao ascenso, supón acabar o ano cun único triunfo nas cinco derradeiras xornadas do 2022. A vitoria pola mínima, 1-2, no campo da UD Paiosaco-Hierros, foi o único bo motivo de celebración do combinado que dirixe Simón Lamas en medio de catro igualadas.

Só dous puntos máis sumou nese intervalo o Arousa. Claro que, no seu caso, o cadro de Luisito Míguez despediu o ano coa inxección de confianza proporcionada polo seu triunfo a domicilio sobre o Somozas, 3-4.

Máis aló da baixa de longa duración de Campillo, que pechará a primeira volta en branco, o técnico local encara o choque desta tarde sen a participación de Hugo Barcia, mancado esta semana nun nocello durante un adestramento. Luisito declaraba en vésperas do primeiro partido do ano que «hay futbolistas a los que he visto muy bien y a otros no tan bien» durante estes días nas súas filas. Con todo, e vista a súa gran satisfacción polo traballo colectivo dos seus homes durante as datas de Nadal, o que realmente preocupa o de Teo é o estado do terreo de xogo.

Tanto é así, que Luisito Míguez declarou o céspede da Lomba como un serio atranco, que xa se está a converter nunha constante: «Todo lo que tenía pensado hacer se me vino abajo porque tal y como está el campo y las lluvias previstas para todo el fin de semana para nosotros va a ser un problema». Así as cousas, o técnico arlequinado dubidaba inda onte sobre os compoñentes da súa primeira aliñación do 2023, cuxa primeira misión será a de adaptarse o máis rapidamente posible a un campo hostil.

O estado do firme da Lomba resulta especialmente preocupante dadas as características do rival. Pola calidade do seu cadro de xogadores, salientada por Luisito: «Muy pocos equipos pueden permitirse el lujo de tener a Marcos Álvarez, a Pablo Rey, a Santi Gegunde...». Pero máis aló das individualidades do Vilalbés, a cuestión é ter que enfrontarse nun céspede defectuoso a un conxunto que salienta polo seu gran nivel nas dúas áreas: «El Vilalbés es muy bueno en las transiciones defensivas, que las hace perfectas, a lo que añade una virtud muy grande, que es que son capaces de meterse los once detrás del balón y no le importa nada. Y en ataque, si te equivocas, te matan». Así debuxa Luisito o equipo menos goleado da Liga: 8 tantos en contra en 14 partidos.

O cadro arlequinado volve sen reforzos

O pasado 6 de novembro o Arousa sufría un duro golpe. En Viveiro, fronte a un rival na uci, os de Luisito caían 3-1 e, o que é peor, ofrecendo unha paupérrima imaxe. Ese mesmo día o técnico de Teo declarou publicamente que o Arousa precisaba reforzos para poder optar con garantías a conseguir o obxectivo do ascenso. Un central e un dianteiro centro eran entón as súas prioridades. A directiva que preside Manolo Abalo respaldou entón a petición do técnico, sinalando con todo que tocaría agardar ao mercado invernal para atopar xogadores do nivel requirido dispoñibles. Finalizado o parón do Nadal, o Arousa segue á espera, regresando á competición cos mesmos efectivos cos que iniciou a temporada, incluído o inédito Campillo, o que deixa a Luisito con só dous centrais dispoñibles.