Empresarios e sindicatos alertan do declive da comarca, allea aos grandes investimentos da quinta revolución industrial

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Décadas de localismo dos concellos lastran a Arousa en plena captación de novos proxectos millonarios en Galicia

28 dic 2022 . Actualizado a las 08:08 h.

Os últimos días de cada ano son propicios para todo tipo de balances e de reflexións sobre o que está por vir. No tocante á situación económica e empresarial do sur de Arousa, a radiografía obtida da análise e da composición de lugar de representantes do empresariado e dos sindicatos da comarca consultados por La Voz de Galicia ofrece un escenario de fondo preocupante. Máis aló da difícil conxuntura xerada pola confluencia da guerra de Ucraína, da rotura das liñas de abastecemento de materias primas e compoñentes a nivel mundial, e da suba dos prezos da enerxía e da inflación, Arousa sofre un problema que ameaza con converterse en endémico: a súa invisibilidade á hora de atraer novos grandes investimentos. Unha realidade consolidada nas últimas décadas e que o goteo de anuncios de grandes novos proxectos industriais en Galicia por valor de 9.000 millóns de euros, principalmente na zona norte da provincia da Coruña, pero tamén ben cerca, no polígono de Rianxo e Caldas, está a facer agora máis patente ca nunca. Esta é a visión ao respecto da patronal e sindicatos arousáns. 

José Luis Vilanova Peña 

(FECA) 

Ausencia de impulso político 

O presidente da Federación Comarcal de Empresarios de Arousa, José Luis Vilanova Peña, fala de exemplos como o da Coruña, con tres grandes proxectos de combustibles verdes anunciados só no seu porto exterior, incluído un de 2.000 millóns de euros da segunda maior navieira de contedores do planeta, a danesa Maersk. Vilanova Peña atribúe a chegada e distribución de novas grandes iniciativas empresariais en Galicia á existencia dunha folla de ruta política da que carece Arousa: «Máis aló da iniciativa privada, os novos investimentos empresariais teñen que ir da man de iniciativas políticas e de investimentos públicos de anos, que desgrazadamente aquí non se deron nos últimos 25-30 anos». E iso se traduce, di, en que: «Respecto a outras comarcas de Galicia, fomos para abaixo», co sector «burbulla» vitivinícola coma excepción. 

Manuel García

(Galicia foro empresarial)

A paralización do sector mar-industria por unha lei 

Dous son os principais motores industriais no sur da ría de Arousa, o metal e o mar. Con preto dun cento de empresas agrupadas en Galicia Foro Empresarial, o seu presidente, Manuel García, amósase profundamente preocupado pola cadea mar-industria a raíz da nova lexislación impulsada polo goberno central en materia de usos e de ocupacións do litoral, cunha loita de interpretacións e de competencias coa Xunta: «As Administracións están intervindo no desenvolvemento da industria do mar, que non está investindo ou está a paralizar investimentos pola nova lexislación». A este grave problema, Manuel García engade a falta de axudas públicas ás empresas da zona e pregúntase onde está a inxección de recursos para axudalas a medrar que debería chegar ás pymes a través dos PERTEs con fondos europeos. 

Xan Bouzas

(CIG)

Aposta equivocada dos Concellos e pobre infraestrutura 

Para Xan Bouzas, Tupi, a perda de peso do sector industrial na comarca é «cada vez maior e máis alarmante». Tras subliñar o feito de que a industria é a actividade económica que máis poboación arraiga e maior riqueza xenera nun territorio, o secretario comarcal da CIG Salnés sinala o papel que a Administración local está a xogar na desindustrialización da zona: «Todas as corporacións locais estánlle dando moito pulo ao sector servizos. A maioría das novas empresas que se instalan nos polígonos son do sector servizos. O comercio e a hostalaría é un sector moi voluble e esta dinámica aboca a un futuro incerto». Tupi comparte con Manuel García a súa preocupación pola ameaza da perda de concesións no sector mar-industria pola nova lei estatal do litoral. 

Miguel de María

CC.OO

Falta de estratexia política e potencial desaproveitado 

Desde Comisións Obreiras, o secretario comarcal de Industria en Arousa, Miguel de María, critica a, ao seu entender, falta dunha estratexia e unha aposta clara da Xunta pola industria na comarca, en particular, e da comunidade, en xeral. Así as cousas, De María di que «é moi triste ver polígonos baleiros e empresas marchando a Portugal». Sobre todo, por canto, sostén: «Temos potencial par ser unha comarca industrial. Onde hai industria xenérase emprego e riqueza. Non se pode deixar que a comarca de Arousa sexa só unha comarca de servizos».

 

A receita: unidade e liderado político para pelexar melloras que fagan atractiva a zona

«Hai unha falta de visión comarcal. En Arousa padecemos unha visión demasiado cortoplacista e localista», denuncia Xan Bouzas, quen remata a súa reflexión de maneira contundente: «Non hai coordinación entre Concellos, nin sendo o alcalde de Vilagarcía —o socialista Alberto Varela— o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias».

Nesta liña, sinala o secretario da CIG Salnés: «Hai grandes proxectos industriais que está anunciando a Xunta noutras comarcas, con PERTEs polo medio, e aquí non hai ninguén a nivel local e supramunicipal que diga que aquí temos terreos para eles». Así as cousas, Tupi lanza un chamamento para quen o queira recoller: «Que algún Concello lidere isto e a comarca poida despegar dunha vez». E como primeiro encargo, dotar os polígonos da comarca de todos os servizos mínimos dos que se precisan hoxe para atraer empresas de alto valor engadido e para os que «non están preparados». Isto é, instalación de gas, 5G e mellores comunicacións.

Nunha liña semellante se manifesta Vilanova Peña: «Temos que facer coma noutras comarcas, cousas conxuntas tirando todos do mesmo carro e cun compromiso político para conseguir para Arousa as infraestruturas e os investimentos que nos corresponden polo noso peso poboacional, falando cos representantes empresariais e indo todos da man». A prioridade para o presidente de FECA é conseguir o rescate da AP-9 e igualar así a vantaxe competitiva que, sinala, teñen desde hai décadas A Coruña e Vigo, con saída gratuíta por estrada cara a Madrid.

«Poñerse a carón das empresas, favorecer novas infraestruturas e conseguir bonificacións para ocupar solo industrial traballando da man». Esta é a solución que desde CC.OO achega Miguel de María para endereitar o voo en caída do sector fabril en Arousa, advertindo, como Vilanova Peña, que montar e consolidar industrias é tarefa de políticas e estratexias de anos.

Desde Galicia Foro Empresarial, Manuel García pídelle á Administración local «axilizar a tramitación burocrática» de novos proxectos e ampliación das industrias. E a nivel autonómico, multiplicar a aposta pola formación da FP Dual, pola grave escaseza de man de obra cualificada e os 5 anos de aprendizaxe e rodaxe que, di, precisa todo novo traballador para empezar a producir ao 100 %.

A previsión para a actividade económica no 2023: entre o optimismo e a preocupación

«Digamos que prevemos un 2023 moderadamente optimista e, á vez moi preocupado polo que se está vendo que vai vir se non baixan os prezos da enerxía e a inflación». Quen así se manifesta é o presidente de Galicia Foro Empresarial. Manuel García sinala que o novo ano empezará como o que está a piques de rematar, con pinta de ir ser un ano malísimo. Só que, por fortuna, o 2022 «acabou non como un ano bo, pero si aceptable».

E mentres Vilanova Peña agarda un 2023 semellante a este para a economía arousá, os responsables sindicalistas discrepan nas súas previsións, con puntos de partida diferentes. Desde a CIG, e máis aló de advertir do perigo de centos de empregos pola lei estatal do litoral, Bouzas alerta do empobrecemento dos traballadores e de que, inda que «baixou algo o paro no 2022, o traballo xerado non é máis estable, porque se concentrou no sector servizos, non no industrial». Miguel de María, de CC.OO, opina pola contra que «parece que o sector industrial se vai recuperando» coa axuda da reforma laboral deste ano que, sostén, creou mellor emprego. O 2023? «Será un ano de crecemento», prevé.